O Torneo Arousa Fútbol 7 Indoor retoma hoxe a acción no pavillón do complexo polideportivo da Senra, en Ribadumia. Faino coa disputa do terceiro e último dos seus tres cadros de competición, o da categoría alevín feminina.
Sete son os equipos que se enfrontarán entre si ao longo de toda a xornada de hoxe, desde as dez da mañá ata as sete da tarde, horario este último do inicio do encontro das estrelas que mesturará a xogadoras de todos os conxuntos participantes unha vez completada a fase de grupos da que sairá o nome do campión da presente edición.
Sárdoma CF, Victoria C.F., Escola Fútbol Sala Salnés, Saraiba do Mar, Cíos Vigo F.S., E.F.F. Sonnoia e Salgueiriños C.F. compoñen o cartel da edición 2025/26 reunido pola organización do Torneo Arousa Fútbol 7 Indoor.
Con anterioridade, a pasada fin de semana, o campionato celebrou os cadros de competición das categorías prebenxamín e benxamín. Na primeira delas, o Vitoria Guimaraes portugués impúxose o sábado 27 de decembro 6-4 na gran final ao E.D. Val Miñor. Un día despois, na categoría benxamín, o partido polo título estivo protagonizado pola U.D. Santa Mariña e polo R.C. Deportivo da Coruña, con triunfo final para este último por 2-4.