O Umia C.F. coqueteou sen éxito co título copeiro da Deputación

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

ROSA GONZALEZ

O cadro ribadumiense caeu 2-1 na final co Matamá. O Ana Vidal Atlético Arousana, apeado en semifinais da Copa da Liga ante o Valladares

11 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Umia C.F. pechou onte a tempada 2017/18 na condición de subcampión da Copa Deputación. O equipo de Moisés Campos probouse digno finalista do torneo no campo das Gaiandas de Gondomar, pero desaproveitou o seu fato de boas ocasións para poñer o encontro franco, perdendo 2-1 cun Matamá nunha categoría superior.

Quen sabe que tería acontecido de ter acertado Alba Ferre a mandar entre os tres paos no man a man co que se atopou no minuto seis de partido ante a porteira e capitana rival, Kily.

Ademais de perdoar, o Umia C.F. tivo que batallar coa retirada prematura do seu referente na medular, unha Paula Dapena que se mancara no quecemento, e que aguantou sobre o terreo de xogo ata que o seu físico dixo ata aquí.

Paula Alonso, que xa avisara tres minutos antes nun centro de Sara Debén, subiría o 1-0 no minuto 32 recibindo ao borde da frontal da área, e anotando cun potente disparo de zurda á media volta, seco e colocado. Alba Ferre volvería a fallar outra acción clarísima de gol preto do descanso, desta volta pola mediación dunha central do equipo vigués con Kily xa batida.

O Matamá dominou a segunda metade, e acercouse por varias veces con moito perigo, e remate. Pero unhas veces por falta de acerto, outras polo bo facer da gardamallas do Umia C.F, House, non atinaba a resolver a final. Ata que Noelia Pereira, no 79, marcaba o 2-0 poñéndolle a guinda a unha grande acción persoal dez minutos despois de que Yoli tivese o 1-1. Marga, no 88, pechou o marcador.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entregoulle o trofeo ao equipo campión logo de presenzar a final.

O Ana Vidal queda sen final da Copa da Liga

Non houbo remontada. Nin sequera empate. O Ana Vidal Atlético Arousana non foi quen de darlle a volta á eliminatoria, caendo na tarde de onte no campo do C.C.A.R. Valladares por 1-0. Ana Iglesias, no minuto 36 de partido, marcaría o único tanto da volta dunha semifinal da Copa da Liga da Primera Galega que arrincara unha semana atrás no estadio da Lomba de Vilagarcía con triunfo 2-3 para o cadro sureño, que a vindeira tempada xogará na Segunda División, a categoría de prata do balompé feminino español.