Gabi Leis: «Sei que haberá xente que non comprenderá a miña dimisión»

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

El técnico presentó su dimisión como técnico del Ribadumia tras las críticas de la directiva

30 abr 2015 . Actualizado a las 14:00 h.

A crítica directa e contundente da directiva do C.D. Ribadumia ao plantel, incluído corpo técnico, trasladada esta semana por boca do seu voceiro, Manuel Mougán, levou a Gabi Leis a presentar a súa dimisión á fronte do banquiño da Senra media hora antes do inicio do partido de Copa que na noite do martes medíu o cadro aurinegro e o Alondras. O club emprazou para o día de hoxe a súa valoración da decisión do técnico en espera da xuntanza que mantiña a directiva na noite de onte, e na que se decidía ademais se apostar polo preparador físico, Félix Cao, nos tres derradeiros partidos de Liga, ou ben buscar un novo técnico. O que si falou onte do asunto foi o seu protagonista, estratega do primeiro ascenso á Terceira na historia do Ribadumia.

-Ao final a directiva non o deu convencido tras o partido de Copa de retirar a súa dimisión...

-Non. A dimisión era irrevocable.

-¿Por que dimite?

-Ben. Dimito por unhas declaracións dun membro da xunta directiva, que cría que nos estamos rindo do club e da afección. Non me parecen correctas. Nin como xogador nin como adestrador me rin xamais dun club, e menos dunha afección. E son declaracións inxustas de cara aos xogadores. Creo que fixeron unha campaña extraordinaria. Se a comezos da tempada nos din que a nove xornadas do final da Liga tiñamos a permanencia asegurada asinariamos todos. É certo que tivemos a posibilidade de meternos máis arriba. Pero ao final a competición ponte no teu lugar. E se analizamos friamente a Liga, hai partidos que gañamos, caso do Arousa, Boiro, Cerceda..., e non o mereciamos. Ao ser un recén ascendido os equipos na primeira volta tratábannos como tal; na segunda volta non, e custábamos gañar os partidos. Ao mellor non tiñamos a calidade suficiente para competir con eses rivais. O Ribadumia sempre quixo estar o máis arriba posible, e non puido ser. Hai que estar satisfeitos, ser honrados, e darlle unha boa nota ao plantel. Voume co obxectivo cumprido. Sería unha covardía facelo se faltando tres partidos o equipo estivera en perigo. Pero ten a permanencia acadada, e está metido na semifinal da Copa. Estiven súper contento de pertencer a este club. O deportivo non ten que empañar a amizade que imaxino seguiremos tendo con toda a directiva, á que lle estou agradecido. Agardo que no futuro valoren onde estivo o equipo e onde está, e que dure moito.

-Entón non comparte a análise da paupérrima imaxe do equipo feita polos responsables do club...

-É que eu non sei se o adxectivo é o correcto. É certo que non xogamos ben en Bertamiráns. Eu o primeiro. Pero isto é fútbol. Outros equipos non gañaron alí.

-¿Que lle dixeron os seus xogadores cando lles comunicou a súa decisión?

-A min non me dixeron nada. Quizais lles sorprendeu, porque faltan tres partidos. Como soe pasar, uns estarán contentos de que me vaia, outros o contrario. Uns dirán que non teño nin idea, outros que son moi bo; que son moi duro, que son moi brando... O que está claro é que ningún vai recoñecer que a culpa é deles. A responsabilidade é do conxunto. Eu estou contento con eles, do traballo que fixeron, e de como actuaron. Tento ser o máis xusto con todos. Inda que é certo que a min me gusta máis un tipo de xogador cá outro.

-¿Entende que haberá afeccionados que o critiquen por abandonar o barco a só tres xornadas para o remate da Liga, e co equipo xogando peor ca nunca tras unha primeira volta espectacular?

-Cada un pode opinar o que queira. O que dixen, creo que neste momento non ten maior importancia, que sería de covardes se o equipo estivese nunha situación delicada. Tal e como está o Ribadumia, non hai ningún problema. Hai cousas que coa miña conciencia non van; non foron xustos cos xogadores. Pero sei que haberá xente que non o comprenderá.

-Xa fóra da presente tempada, ¿cal é o seu balance destas dúas campañas e media á fronte do banquiño da Senra?

-Eu non son quen para valoralas. Ten que ser o afeccionado quen o faga. Si é certo que estiven moi a gusto aí. Non se meteron no meu labor. Acepto as críticas nas miñas aliñacións, na forma de xogar... Cada un ten a súa forma de ver o fútbol. Normalmente as críticas veñen cando perdes. Se gañas, todo é magnífico. O bo é acertar ao comezo. Logo se non gañas todos son problemas.