Xesús Abalo: «Cómpre reflexionar e repasar a diferenza entre feitos e opinións»

Rosa Estévez
rosa estévez PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

CEDIDA

O científico cesureño, afincado en Suecia, estréase como autor de ficción cunha obra, «Cara o norte», que presenta como «un experimento»

30 abr 2022 . Actualizado a las 20:00 h.

É o coordinador de proxectos do National Genomics Infrastructure sueco, nun centro que se chama SciLifeLab e que engloba ás universidades suecas máis recoñecidas. Traballa nun equipo de investigación do Kungliga Tekniska Högskolan. Ocupa a vicepresidencia da asociación de científicos españois en Suecia. Pero a ocupación máis importante de Xesús Abalo é a de ser pai de dúas crianzas. «Acompañar os meus fillos no seu desenvolvemento é algo que non ten prezo», di. Malia todo ese movemento, este científico cesureño, con numerosas publicacións profesionais ás costas, ten atopado tempo dabondo para escribir a súa primeira obra de ficción. Cara o norte é un libro de «historias sen historia» nas que a ciencia se mete, por veces, «onde non a chaman».

—Pero hai territorios nos que a ciencia non deba entrar?

—A ciencia e a investigación son o que nos diferenza do resto de seres vivos. Sen ciencia non hai progreso e sen progreso estaremos condenados a depender doutras circunstancias, perdemos a capacidade de decidir, de controlar o noso destino. Todo isto non implica unha carta branca á investigación: debe haber límites, sobre todo morais, que nos preveñan de destruír o que somos, o que temos ou onde vivimos. Nos contos inclúo reflexións sobre as armas, a guerra, a investigación biomédica ou a necesidade de crer nun ente supremo, inclúo terminoloxía científica e expoño as dúas caras da moeda.

—Como se enfronta un científico a un folio en branco?

—Publicaren o meu primeiro libro con 45 anos é unha sorpresa e un honor. Unha sorpresa porque, se ben levo máis dunha década escribindo contos, esta é a primeira vez que alguén confía en min como escritor: Xulio López Valcárcel e a Medulia Editorial. A miña primeira experiencia coa literatura vaise a cando tiña seis anos e me premiaron cun accésit por unha redacción sobre o alcoholismo. De novo enchoupeime coa literatura fantástica, surrealista e co realismo máxico mentres recompilaba historias, até que unha circunstancia laboral obrigoume a ter que pasar tres horas diarias nun tren. Ora que o que máis escribín na miña vida foi en relación ao meu traballo como científico, unhas publicacións que, se ben son reconfortantes de escribir, están suxeitas a unhas normas que deixan pouco espazo para a improvisación.

—Un galego no frío norte... Cal é o mapa deste libro?

—O historiador viaxa en avión e as historias transcorren nun tren. Hai varios fíos que as unen todas menos unha: os cans, a cor verde, a morte e a revisora. Como xa comentei, o feito de ter que me desprazar cada día durante tres horas nun tren foi o que me levou a escribir. Ora que aquel non era un tren normal: a xente non falaba, evitaba o contacto visual, ao xeito de calquera tren sueco, coma se estivera morta. Así pois, as historias transcorren namentres o tren avanza cara o norte nun día do verán sueco. Foi Xavier Queipo quen me suxeriu o título dado que o tren vai cara ao norte, ao xeito que eu, de Pontecesures, fun a estudar a Compostela e logo mudei a vivir a Estocolmo, e por uns anos traballei en Uppsala, ao norte de Estocolmo. Quixen facer unha obra diversa, na que incorporar á narrativa galega un elemento ausente, o surrealismo. A narrativa galega abonda en historias do rural da posguerra, época que marcou ben fondo a unha xeración e deixou en herdanza feridas abertas. Con esta compilación de historias sen historia non pretendo curar as feridas do vento senón ollar cara o futuro, un futuro dixital do que xa somos parte.

—Reivindica a importancia do pequeno. Seguimos sen lle dar a relevancia debida?

—Ese é un dos puntos fundamentais do libro, a dobre moral sobre a supremacía duns individuos sobre outros, a meirande importancia que se lle dá á enfermidade da filla do presidente sobre a morte de trescentas persoas negras, ou vexetarianas ou zurdas. Son escenas cotiás en películas, nos informativos, as que nos adoutrinan con información coartada, condicionada, dirixida a crear certa opinión que cremos é independente. Cómpre reflexionar e repasar a diferenza entre feitos e opinións. Débese cuestionar se o que cremos que sabemos é froito do coñecemento adquirido ou ben das opinións inoculadas. Cómpre reflexionar e tratar por igual ás historias xa que cada persoa é unha historia, que ten nai, que naceu, que foi nena, que namorou, que un día foi chamada para defender a patria, que colleu AK-47 e á que lle meteron unha bala polo lobo temporal. Rematou a historia. Que mais dá! O causante da liorta, segue vivo, a historia morta era secundaria, nunca pasará á Historia. Por desgraza, estas reflexións están de moda, temos unha guerra ao noso carón.