O Baixo Ulla volve pechar ano como referente autonómico

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

MARTINA MISER

Náutico Pontecesures e As Torres asinan cinco títulos nas clasificacións por equipos das Ligas Galegas

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por sorprendente que pareza tiveron que pasar case dous meses ata que a Federación Galega de Piragüismo validase as clasificacións finais das diferentes ligas autonómicas dunha tempada 2017 que baixaba o telón na primeira quincena de setembro. Completado o xeneroso prazo de presentación de alegacións ao que teñen dereito os clubs en caso de atopar algún erro na contabilidade dos seus puntos nas diferentes competicións, son unha ducia os podios por equipos colleitados polos conxuntos arousáns na modalidade de augas tranquilas, na que se computa nun mix as actuacións nas citas de pista, infantís e cadetes, e de ríos e de travesías. Cos dous clubs do Baixo Ulla, o As Torres-Romaría Vikinga, e o Náutico Pontecesures, volvendo fixar un ano máis a referencia a nivel autonómico entre o piragüismo arousán, e competindo coa E.P.C. Pontevedra pola hexemonía en Galicia.

O Náutico Pontecesures erixíuse como o mellor equipo nas Ligas Infantil e Júnior Masculina, e mais na Provincial de Pontevedra. Esta última, para categorías benxamín e alevín, coas Torres-Romaría Vikinga segundo e co Náutico O Muíño-Stark Group terceiro. O conxunto cesureño foi ademais terceiro no podio final da Liga Galega Infantil Feminina, que gañou o seu veciño de Catoira. Título ao que o As Torres-Romaría Vikinga sumou o de campión Júnior Feminino. Completan a folla de servizos do club catoirense no panorama autonómico do 2017 os segundos postos na Liga Sénior Feminina (921 puntos), co Breogán do Grove terceiro (909) e co Ría de Aldán (946) vencedor, e na Cadete Masculina, ademais do terceiro na Liga Sénior Masculina (899 puntos), por detrás do Piragüismo Vilaboa (934) e do Ría de Aldán (912).

Á marxe das competicións de augas tranquilas, o piragüismo arousán gozou no kayak de mar das segundas prazas do P. Cambados na Liga Masculina, a 9 puntos dos 248 do campión Ría de Aldán, e do Breogán do Grove na Feminina, só 7 puntos por debaixo do P. Olívico, con 246.