A lamprea quere auga

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PONTECESURES

Reportaxe | A campaña comezou frouxa no Ulla ó seu paso por Herbón O caudal do río é dos máis baixos dos últimos anos, segundo os pescadores

23 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Os lampreeiros de Herbón, no concello de Padrón, suspiran por auga, por unha desas cheas das de antes que removan mar e río. É que a lamprea do Ulla quere auga, moita, e ata o de agora non houbo inverno de choiva, tal e como din os propietarios das pesqueiras de Areas, un tramo do río ó seu paso por Herbón. A veda abriu o día 6 de xaneiro e o permiso para pescar ten validez ata o 30 de marzo, pero algún dos lampreeiros xa aventura, pesimista, que «éste non é ano delas». O certo é que, recén iniciada a tempada, pouco hai que contar, nin tan siquera moitas pezas. Un dos pescadores di que están collendo entre cinco ou seis por día; o compañeiro di tres ou catro e o outro aínda baixa máis, ata dous. Pese a este baile de cifras, o certo é que nestas pesqueiras as capturas son aínda modestas debido a que o río leva moi pouca auga. De feito, os propios axentes de Medio Ambiente constatan que o caudal do Ulla é dos máis baixos dos últimos anos. Por iso, este inicio de campaña non saiu nada prometedor, moi lonxe da tempada do ano pasado cando as houbo «moitas e boas», segundo recordan os pescadores da parroquia de Herbón. Houbo tantas que, ó final da campaña, ían máis baratas ca merluza, a mil pesetas ou seis euros, lembran os lampreeiros. Iso sí, tamén aclaran os pescadores que non é a mesma lamprea do comezo de tempada, senón máis cativa, e posiblemente as gañas de comela xa non sexan as mesmas en xaneiro ou febreiro que en maio ou xuño. Pouco traballo O certo é que as pesqueiras de Areas están traballando pouco debido ó baixo caudal de agua mentres os veciños de máis abaixo do río, no veciño concello pontevedrés de Cesures, non teñen tanta queixa pois o nivel de capturas é aceptable, segundo as mesmas fontes de Medio Ambiente. Aínda así, non se pode falar de prezos posto que a lamprea case non chega ós mercados senón que vai directamente ós clientes fixos, na súa maioría restaurantes da comarca. En calquera caso, poderíase estimar que a peza ronda os cincuenta euros e de aí para arriba. É por iso que haberá que agardar un pouco máis a degustar unha ración, que polo de agora está para bolsillos privilexiados ou caprichos de bo pagador. Os demais, teremos que agardar a que cheguen ó mercado pezas de fóra ou a que se abra a veda no río Miño, de modo que a maior oferta, prezos máis baixos.