De quen deu nome á Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Eugenio Escuredo era home ben parecido, polifacético, buscavidas, afouto, arriscado, inquedo, innovador, valente ou ata temerario e pillabán

30 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

E Elisa Lago e Eugenio Escuredo no cumio do seu éxito, enplena Guerra civil, adquiriron a que hoxe chamamos Torre de Escuredo. Resulta complexo resumir as reviravoltas da traxectoria de Eugenio Escuredo: ben parecido, polifacético, buscavidas, inquedo, innovador, valente ou ata temerario e pillabán. Para comprender a súa personalidade faría falta unha biografía novelada: empresario da cerámica, da madeira e da conserva, concelleiro, falanxista de ocasión e achegado ao arte. Naceu en Sárdoma, de pai ebanista e nai ama de casa, iniciouse como comerciante en Vigo e pronto soubo da fábrica de Sargadelos da que aprendeu as técnicas da cerámica. Casou en 1917 con Elvira Lago e tiveron cinco fillos.

A filla Elisa morreu moza deixándolle doce netos e Enrique, voluntario da Falanxe, faleceu con 17 anos no afundimento do Baleares. As súas peripecias empresariais empezaron arredor de 1923 coa Cerámica de Campaña que producía ladrillo e tella. Para el 1925 foi ano de andar de bulebule, cun papel definitivo na segregación de Pontecesures de Valga e promovendo no novo municipio —que lle dedica a súa avenida principal— a primeira exposición de coches usados organizada en España, o 27 de xuño de 1925, cun cartel anunciador de Carlos Maside; a escultura cesureña do Coche de Pedra recorda ese evento; tamén puxo en marcha a Cerámica Artística Galega e como Sargadelos se apoiara en Luis Seoane, el contou co cambadés Asorei (1889-1961) que lle cedeu os deseños de O Tesouro —unha moza cun xato no colo—, o Pórtico da Gloria, a Naiciña ou o Sepulcro do Apóstolo. Para o policromado escolleu á pintora, mestra e ceramista Oria Moreno. Exportou a América e Inglaterra, onde non debía ser doado entender o significado de O Tesouro. Parece que a arxila do Ulla non acaía coa manufactura desas figuras e no 1927 vendeu os moldes á que aínda hoxe é Cerámica Celta, coa que seguiron os seus colaboradores e ata se incorporou Castelao. No 1932 obtivo unha concesión de dúas mil hectáreas -a peseta por hectárea- na Guinea para talar o cume e outras madeiras nobres, a través da empresa Prohisco, sancionada repetidamente polo maltrato da man de obra. Fracasou. Vén revivir ao Grove, onde se asentou para o resto da súa vida. Adquiriu, con Francisco Lores, o chamado Fabriquín do Marino para aproveitar o mercado de alimentos derivado das guerras. Deseguido arrendou á familia Areán a metade da fábrica de conservas de Meloxo. A guerra, a posguerra e a Segunda Guerra Mundial foron época de ganancias que lle permitiron mercar e reformar a Torre e convertela no símbolo do seu éxito e comprar toda a fábrica de Meloxo para instaurar nela Conservas Yago, cunha produción de 820 toneladas anuais. Aparte das latas e botes de peixe e marisco, envasou lacón con grelos e ata chícharos con ovos cocidos!.

Pero apareceron, de novo, dificultades: crise da sardiña nas Rías e escaseza da folla de lata, cara mediados do século XX. Escuredo non permaneceu parado: abriu mercados en Málaga co seu xenro Jaime Martínez de Ubago e a saga empresarial que puxo en marcha aí segue: Todo ahumados ou La Mar de Tapas. Foi dos primeiros socios de Frigoríficos Arosa, S.A. e de Metalgráfica Gallega, S.A. de fabricación de envases. Obtivo seis concesións para o cultivo de mexillón —todas co nome de Yago—, emprazadas entre Punta Moreiras e Area das Pipas-.

Inscrito na Falanxe, sendo alcalde Santiago Búa foi nomeado concelleiro no Grove e presidiu a Comisión de Fomento e Obras con José Prieto Araújo —Casa Pepe— e Ramón Castro Lores -de San Vicente-. Despois de falecer produciuse o peche para sempre de Conservas Yago, cunha poxa do solar da fábrica, fraccionada entre os operarios polas débedas. Hoxe, A Torre, que foi símbolo do seu poderío, anda a piques de derrubarse diante da indiferenza xeral; e el e a súa dona están soterrados nunha foxa humilde, —Eugenio nunha caixa de madeira feita por el— so unha lápida de granito, cun epitafio irregular só cos seus nomes e datas de nacemento e falecemento, adornada con flores de plástico amarradas á estela cunha tanza para que non as leve o mesmo vento que pode derrubar a Torre.