O libro, ilustrado por Óscar Villán, foi editado por Patasdepeixe
03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A editora grovense Patasdepeixe presentou onte novo libro na Galería Besada. Trátase dun álbum ilustrado executado por Óscar Villán e escrito por Laura Parrula, alma máter da editora, que se atreve por vez primeira a lanzar unha historia propia, que a pesares de que semella estar dirixida ao público infantil será ben recibida por parte do lector adulto. Quen o teña nas súas mans darase conta de que o relato, contado de xeito brillante nun mesmo escenario, ten varias interpretacións.
Monstr3s pon o acento nos medos, da man dun rapaz que pide deixar a luz acesa no seu cuarto á hora de ir durmir trala lectura imprescindible do contiño que seu pai fai cada noite. Teme a ese monstro que supón agochado baixo a cama, aínda que nesta historia os monstros son tres, ou quizais algún máis. A historia da pé a tres universos diferentes enfiados dun xeito maxistral, onde nada queda ao azar. Aí radica o éxito que lle agarda a esta obra recén parida nun formato tipo película antiga con plano secuencia, moi ben logrado, «o xenial é iso, que a imaxe diga unha cousa, o texto diga outra e nesa fusión saia outra historia diferente», di Laura. Porque incluso as gardas do libro están aportando algo máis ao relato.
Non é estrano, xa que os personaxes e o universo saen das mans dun artista galego que é nada máis e nada menos que Premio Nacional de Ilustración, e a traxectoria de Villán está avalada por medio cento de obras.
A peculiar maneira na que se xesta esta historia que sae da cabeza de Laura Sáez, propietaria de Patasdepeixe, e agora tamén autora da obra, foi o que levou ao equipo que se agocha detrás de Monstr3s a realizar unha exposición na que se mostra polo miúdo todo o proceso creativo dende as primeiras viñetas a lapis ata as probas de cor nas enormes pranchas da imprenta.
O resultado é un auténtico deleite para os amantes da creatividade que onte gozaron coma nenos pequenos. Foi un serán entretido. Ao fondo da galería proxectábase a execución da idea na súa vertente dixital cun vídeo feito en stopmotion que da conta das horas de traballo que hai detrás de cada páxina.
Separar a edición da escritura
O libro, ao fin e ao cabo, había que presentalo así, ensinando as entranas. A ocasión merecíao por moitos motivos. O primeiro deles que a obra creouse entre Teo e Confín, nesta pequena península, á beiriña do mar, e iso é motivo de orgullo. Pero tamén porque a maneira que tivo Laura de saber separar tan ben esas dúas labouras, a de escritora e a de editora é digna de ser sinalada, aínda que ela pretenda restarlle importancia, «ao final tes que liberarte do teu texto e a túa idea e poñela en mans doutra xente», explica.
Neste caso concreto ela cedeu a historia por completo ao ilustrador, «de feito eu na cabeza tiña outros debuxos, así que isto foi un pouco como cando les un libro e a túa mente imaxina uns personaxes e logo ves a película e son totalmente distintos», conta. Pero tiña claro que para facer un conto deste tipo cun formato case teatral esa era a maneira. Tamén tivo que tomar decisións por eficiencia ou por economía, que de poñerse no papel de autora quizais non faría, porque o libro ten que gustar, «pero tamén hai que vendelo», argumenta.
Monstr3s coceuse, así, a lume lento, durante un ano e medio, no que houbo que tomar múltiples decisións, «dende o tipo de papel, o tamaño da letra, que por certo está manuscrita por Óscar, as cores», relata a editora. Ao final todo era unha negociación na que o equipo se tiña que poñer dacordo, como na cor do título na portada, «ese rosa flúor tivemos que pelexalo moito», lembra Laura, satisfeita cun exemplar na man.
Lecturas diferentes
O traballo dou os seus froitos, pois a nivel visual é un libro chamativo que atrae para abrilo, e seguramente logo de coñecer todos os centos de monstros debuxados que houbo para chegar ata aquí, quen vira a mostra terá outra perspectiva á hora de lelo. En definitiva, Monstr3s é un libro para abrazar os medos que terá un lectura distinta dependendo os ollos que o lean, e do que se extrae unha profunda reflexión: ás veces todos somos monstros, depende de quen nos mire.