De que temos que vivir aterrorizados

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Oscar Vázquez

O pacifismo, por agora, fracasou fronte ás armas nucleares

28 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo neno, anos 70, unha veciña, Sebastiana Domínguez, aparte de prestarme a súa Colección Austral completa, regalábame periodicamente un exemplar da revista Selecciones del Reader Digest. Eu era un lector voraz deles a pesar de que en cada un aparecían artigos, —que me facían sufrir pesadelos—, sobre a posibilidade dunha hecatombe nuclear. Vai alá toda unha vida e o perigo desa catástrofe non se esquivou, a pesares dos movementos pacifistas e dos sucesivos tratados e encontros diplomáticos. Todo empezou en 1945, cando o Enola Gay lanzou bombas atómicas en Hiroshima e Nagasaki e iniciou unha era na que as diversas partes utilizaron esas armas para que por puro medo, aínda que se lle chamase disuasión, non fosen atacadas. A ONU vén traballando sen descanso pero sen éxito contra as armas atómicas. En 1968 asinouse o Tratado de Non Proliferación Nuclear, que legalizou que cinco potencias militares —USA, Rusia, China, Francia e Reino Unido— posuísen enxeños atómicos, por seren os Estados que xa dispuñan de armas nucleares, e so eles se reservaron o dereito de producilas, telas e usalas. Desde tal data, outros Estados, arredor de once, fixéronse con esas armas ata chegarmos a hoxe con case quince mil oxivas nucleares capaces de faceren desaparecer da Terra á raza humana. É a proba, vista obxectivamente, de que o ser humano ou non é comprensible ou é profundamente idiota.

Dise que ter bombas atómicas impide ser atacado. Pode ser: non volveu haber guerras mundiais. Pero hai un dato que cuestiona que esa sexa a exclusiva razón, porque esas potencias nucleares e a OTAN representan o 85 % do gasto mundial en defensa —para algo lles valerá, digo eu- e o 96 % das exportación militares para que se maten os pobres entre eles tamén sae deses países. Por certo: só en armas nucleares dilapídanse cada ano setenta e tres mil millóns de euros. Xa no 2009 a ONU decidiu que todos os 29 de agosto se conmemorase o Día Internacional contra os Ensaios Nucleares, e cada 26 de setembro o da Eliminación Total das Armas Nucleares. No 2017 creou o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares que entrou en vigor en xaneiro de 2021 e na teoría representa un dos logros máis importantes para a seguridade da Humanidade porque proscribe o desenvolvemento, ensaio, produción, adquisición, posesión e almacenamento de todo dispositivo nuclear explosivo e quita lexitimidade á política de disuasión nuclear. Pretende que sexa máis importante a seguridade humana que a dos estados, pero non obriga a ningunha potencia nuclear nin aos países da OTAN —España incluída— porque se negaron a asinalo. Ou sexa, hoxe por hoxe, esa abolición é un desiderátum ou, o que é o mesmo, papel mollado.

Por outra banda, polo mundo adiante a investigación continúa e agora xa se fabrican armas nucleares tácticas, que alguén lanzará, deseñadas para actuar contra obxectivos concretos, e que son un golpe severo a décadas de traballos e movementos sociais para eliminar usos bélicos da tecnoloxía atómica. Carece de toda lóxica que as bombas atómicas non estean aínda prohibidas, cando desde 1972 o están as biolóxicas e desde 1992, as químicas. De todas esas armas de destrución masiva, as nucleares son as máis perniciosas, pero foron as últimas en dispor dun tratado de prohibición e eliminación, que quen as ten non quixo asinar. Os convenios relativos ás armas biolóxicas e ás químicas non se enfrontaron a unha oposición tan acérrima como a que retrasou a prohibición de armamento nuclear, que o estados poderosos e a industria da guerra deixaron transformada só nunha boa intención. Os arsenais e a ameaza nucleares seguen a ser unha realidade tristísima porque, ademais, cada pouco sempre hai quen coacciona con eles. Eu non sei como os dirixentes nacionais e internacionais sorrín seguido cada vez que se topan. Serán hábitos diplomáticos, pero, a verdade, a min non me sacan o medo do corpo e resúltame difícil entender que haxa que vivir intimidado, e moito máis que existan ese tipo de enxeños que teñen como finalidade destruírnos, facernos desaparecer, para defender aos estados fronte á Humanidade. Racional, racional non é.