Xaquín Álvarez Corbacho foi un alcalde do Grove moi adiantado ao seu tempo
01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Onte, na casa da Cultura Manuel Lueiro do Grove celebrouse unha homenaxe ao veciño, exalcalde e profesor Xaquín Álvarez Corbacho (O Grove, 1943-2021). A vida de Xaquín foi un percorrido excepcional en todos os aspectos, tanto no profesional como no persoal. Para esta homenaxe desprazáronse a O Grove senlleiros persoeiros da vida pública galega para, a carón da familia del, testemuñar a grandeza intelectual e humana de Xaquín e todos, despois dunha longa relación profesional, política ou deportiva, deixaron constancia do orgullo da amizade persoal, que, realmente, significa o eloxio que resume a bonhomía dunha persoa. Obviamente eu admiraba a súa traxectoria e era lector compulsivo das columnas case semanais que publicaba en La Voz de Galicia porque sempre supoñían unha fonte de coñecemento; dábame a impresión que deixar escapar algunha era como empobrecerme. E escribía moi ben. Tiven a sorte de compartir con el a súa etapa como presidente do Foro de Debate Barlovento, no que coincidimos desde a súa fundación. Valeume para confirmar a súa talla. Obviamente nun colectivo local coma este ninguén estaba á súa altura, pero era asombroso comprobar como, mentres a saúde o acompañou, en cada proposta ou polémica, cando el xa había tempo que estaba máis alá que todos, escoitaba con absoluto respecto e paciencia, incluso con timidez, cada intervención, parecendo un máis dos que tivemos a sorte de poder compartir esa experiencia con el. E agora, con motivo de organizar a exposición que pretende amosar unhas pinceladas sobre a súa vida e que acordamos titular «Principios, modernidade, visión de futuro», tiven ocasión de ler unha entrevista, a páxina completa, que lle fixo o gran periodista José Martínez Couselo, Couselo, (Poio 1938-Santiago 2021) o 31 de outubro de 1971. Insisto: 1971. Fíxose coa escusa de que Xaquín, estudante da primeira promoción de Ciencias Económicas, ía colgar as botas como futbolista despois de pasar polo Celta, Compostela e Santander. O esperable das declaracións dun xogador feitas con tal motivo serían unhas lágrimas infantís, un bico ao escudo do equipo, un resumo vitorioso de goles; en fin, o ritual vacuo deste tipo de ocasións. Pero neste caso quedaron alí unhas frases que debuxaban o futuro da súa vida e outras que aínda son vixentes. Aí van algunhas: «A mí lo que me gusta es conocer la realidad donde vivo», «me gustaría hacer cátedras», «no me gustaría una profesión que no me ayudase a conocer la realidad social», «la economía en vez de estar regida por la justicia distributiva, lo está por el libre juego de las fuerzas del mercado», «Vizcaya, Cataluña y el Centro constituyen el triángulo sobre el que se montó la industria importante en España en el siglo XIX. Esa dinámica canaliza el ahorro hacia esos puntos y se propicia la emigración de mano de obra», «con el centralismo y las leyes de mercado, Galicia no puede salir del abandono». Pouco máis tarde desta entrevista e só durante uns dous anos foi elixido alcalde do Grove nas listas do PCE. Asombroso o que levou a cabo nese escaso período —proxecto de PXOM, Plan Parcial da Toxa, Grovelán, recollida de lixo, obras colectivas, actos culturais sobranceiros— e, ademais, sentou as bases dunha gobernanza municipal actual. Convídoo, lector, a visitar a exposición da casa de cultura para ver a pegada dun home moi avanzado ao seu tempo, con propostas vixentes hoxe e, tantas, aínda sen alcanzar.