Sostén o autor que «o único que pode decidir libremente se o rei Juan Carlos I volve polo Salnés e el mesmo»
02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Escribir nun medio de comunicación serio supón esixencias éticas fronte aos lectores. Iso non quere dicir que se eliminen discrepancias nin opinións, ou que o que hoxe se afirma mañá se descubra diferente. Digo isto, sabido por todos, porque ao redor da figura de don Juan Carlos de Borbón, que nos últimos anos tanto vén pola nosa comarca e tan bo navegante —ata eloxiou o andar da Dorna Meca— e excelente comensal resulta, hai, realmente, inexactitudes. Quixera lembrar datos que hoxe son obxectivos, porque xermola a idea de que a súa Maxestade non volve porque a Fiscalía mantén aberta unha investigación e, así, por exemplo, a axencia Colpisa distribuíu unha noticia co desacertado titular «A Fiscala Xeral frustra os plans do rei emérito para un regreso inmediato». Nesa frase o suxeito é a Fiscala Xeral e o verbo é frustra; ou sexa: afirma que é Dolores Delgado a que fai fracasar o suposto desexo de Juan Carlos I de volver agora a España. O rei Juan Carlos presentou ao goberno presidido por Mariano Rajoy o 2 de xuño do 2014 unha comunicación que dou lugar á Lei Orgánica 3/2014 para facer efectiva a súa abdicación. Esa lei, de 19 de xuño de 2014 —moi importante fixarse nas datas pola cuestión da inviolabilidade constitucional— transcribe a decisión do rei, con verbas de ritual como as moralizantes das mensaxes de Nadal, e di que fai uns corenta anos asumira o «firme compromiso de servir aos intereses xerais de España», fala dos avances durante o seu reinado —non convén esquecer o deseño constitucional das súas facultades— e que a súa única ambición «foi e seguirá a ser sempre contribuír a lograr o benestar e o progreso en liberdade de todos os españois». Usouse o verbo contribuír no senso que alí se explica, pero convén, como sempre, acudir ao dicionario. O de castelán pon como primeira acepción desa palabra: «Dito dunha persoa: dar ou pagar a cota que lle cabe por un imposto ou repartimento». A segunda acepción do da RAG é «pagar os impostos».
Esa Lei, como se fose unha dación de conta, no seu artigo único, di que ese Rei abdica. O Real Decreto 470/2014, decisión política vixente, complementa esta lei e regula os honores que lle corresponden a don Juan Carlos I de Borbón e a dona Sofía de Grecia: nada de eméritos, non existe tal título. Establece que continuarán no uso do nome de Rei e Reina, tratamento de Maxestade e certos honores militares. Posteriormente, o 7 de xuño de 2019, o Rei Juan Carlos I decidiu voluntariamente abandonar calquera función na Casa Real e o Presidente do Goberno suprimiu a súa Secretaría na Casa Real. Esa é a realidade legal. Así que desde o 19 de xuño de 2014 Juan Carlos de Borbón ten as obrigas e dereitos de calquera outro cidadán. Sen que existise ningún requirimento xudicial —a diferenza de Valtonyc ou Puigdemont—, pasou libremente a residir nun país árabe, coincidindo coas investigacións da Fiscalía Xeral, polo que se sabe, por unha transferencia bancaria en 2008 a nome dunha Fundación con residencia no Pazo da Zarzuela, emitida polo Ministerio de Finanzas de Arabia Saudí por cen millóns de dólares, trasladados no 2012 ás Bahamas, e que no 2018 dou lugar simultaneamente a unha investigación da Fiscalía Suiza, sobreseída porque ese órgano dixo que non foi capaz de demostrar que tal cantidade procedese de comisións derivadas da construción do tren en Arabia Saudí por empresas españolas.
A Fiscalía española segue a indagar esa orixe, outros depósitos na illa de Jersey e o uso de tarxetas opacas. Polo medio andan dúas regularizacións fiscais por uns cinco millóns de euros. Descoñezo a vontade filial ou gobernamental de se queren que volva ou non pero, estritamente, desde a legalidade, tanto o fillo como o Goberno carecen de facultade algunha para prohibir ou pretender o regreso de Juan Carlos I. É el, e ninguén máis, quen pode decidir. Iso si: cada cidadán, porque se trata dunha figura pública, pode opinar se debería dar explicacións. A ética é unha cousa e a legalidade outra.