A historia do Meco II: De agosto de 1717

X.A. Ochoa O VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Avelino Ochoa segue a debullar unha historia real que puido dar pé á lenda máis coñecida do Grove

02 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

 Ata hai só uns noventa anos os foros rexeron a historia de San Vicente. Afonso III confirmou a doazón da igrexa á mitra compostelá e Ordoño II indicou que incluía o proveito do territorio: «cum suis terciis et cum omnibus». Despois, o sistema foral permitiu á fidalguía ostentar os foros por cesións eclesiásticas. O foro, simplificando, é un gravame de parte da produción como retribución da propiedade; ás veces perpetuo ou a tres voces ou a tres reis; o foreiro tiña o dominio directo da terra e o labrador o dominio útil para cultivala. As transmisións tanto do directo coma do útil, sobre todo por herdanzas e as súas divisións, complicárono. As desamortizacións ata permitiron adquirir só foros. A Xunta do Reino de Galicia foi adaíl da súa vixencia, porque nutrían á fidalguía.Os veciños de San Vicente aínda alcanzaron a propiedade plena por demanda de retracto a un burgués grovense cara a 1930, porque os foros seguiron vivos ata esa data.

O sistema permitía ao agricultor buscar rendibilidade á terra ou introducir cultivos; mais, na realidade, orixinou pobreza e conflitos por malas colleitas, terras incultas, abusos na contía e outras exaccións sobre os labradores. Os de San Vicente, asfixiados por este réxime, litigaron incansablemente tanto co mosteiro de Armenteira como coa saga santiaguesa que cobraba os foros polo menos dende o XVI. Esa estirpe era dona da Casa da Fonte, parcialmente en pé, que dispuña de torre de cobranza, desaparecida, e de aí o topónimo Torre.

Residiron nela Alonso Gago, pai de María Gago Rodríguez, que finou alí no 1628 e o home desta, Alonso Blanco. Herdou o fillo, Juan Blanco Gago, rexedor de Santiago e membro da Xunta do Reino, entre outras prebendas. En 1717 a sucesora era Susana Blanco Gago Fragío y Andrade, casada co expeditivo capitán de Valga, José Andrés Sánchez de Boado Portocarrero Ulloa Fernández y Andeiro, soterrado en Xanza. Pouco antes, promovera preitos por foros e, vencedora, pediu executorias contra os veciños.

O capitán, auxiliado de criados e dun escribán de Padrón, a finais de agosto, notificou, casa por casa, a unhas trescentas persoas para que «jurasen si acetarían o rrepudiarían las herencias de sus padres y causantes». Os veciños subleváronse. Montaron partidas cerca de Estonllo para controlaren a ruta ao Grove; pola Siradella para vixiaren aos gardas da xurisdición da Lanzada e nos Cons da Garda por axexaren a Casa da Fonte. A mediodía do sábado 4 de setembro, o capitán, indo a cabalo para San Martiño do Grove, viu en Reboredo «a muchos vezinos juntos y les oy decir algunas palabras mal sonantes enderezadas a fin de ofenderme y maltratarme por cuia razón separé el camino rectto que llebava y me fui por otro». Quixo regresar a San Vicente á noitiña, pero «a mi notticia fue venido que por la noche, juzgando que yo bolviese, me estuvieron esperando juntto al molino de Estonllo, sittio oculto y separado de casas, siendo su yntención matarme según lo an espresado. Y por el recelo que tube no e bueltto aquel día». Na Casa da Fonte quedaran un criado, o escribán e un garda das salinas.