A II Carreira Solidaria de Leo que se celebrará o día 29 en Meis supera os mil inscritos

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

Os asistentes poderán desfrutar do deporte, a música e a comida. Segue aberto o prazo para anotarse ata o luns

21 sep 2024 . Actualizado a las 13:45 h.

A II Carreira e Andaina Solidaria de Leo, que se vai celebrar o 29 de setembro en Mosteiro (Meis), superaba onte os mil inscritos «e agardamos sumar máis atletas e camiñantes ata o luns 23 de setembro, día que no que se pechan inscricións tanto na web de carreirasgalegas.com como nos puntos físicos habilitados para elo», informa a organización.

O evento comezará ás 9 horas coa andaina de 6,5 quilómetros e continuará ás 11 horas coa carreira de adultos e as carreiras nas distintas franxas de idade de 1 a 18 anos. A partir das tres da tarde abriranse os inchables gratuítos para os participantes e darase paso á animación con Javi Solla, a Charanga Alambique, o grupo folk os Druídas, os zancudos de Eva Lede, o concertos do grupo Lontreira e fin de festa con DJ Koking. Haberá pulpeiro, postos de comida e como padriños desta edición actuarán o actor Carlos Blanco e a piragüista olímpica Teresa Portela.

A recadación destinarase á asociación galega da enfermidade de Dent (Art for Dent) e a Bicos de Papel, unha asociación de familias de nenos e nenas oncolóxicas de Vigo. A morte do pequeno Leo, hai case dous anos a causa dunha enfermidade rara, da nome a esta iniciativa coa que se busca axudar aos afectados e ás súas familias e visibilizar as enfermidades raras.