Moncho do Montiño

Caxoto VIVINDO DO CONTO

MEIS

10 may 2021 . Actualizado a las 13:48 h.

Miña nai, para durmir ela tranquila, sempre nos di que non fai falla ir moi lonxe de vacacións; que hai dabondo que ver en Galicia. Ten que estar contenta que nestas vacacións fíxenlle caso... Que remedio!.

Entre outras cousas visitamos a Ruta da Pedra e da Auga (Concello de Meis) que logo soubemos trouxo á actualidade M. Rajoy por ser asiduo dela. A ruta é ben bonita e doada de andar; moi aconsellable para expolíticos afeitos á moqueta. Remata no Mosteiro de Armenteira que segundo a lenda mandou facer un nobre por encargo da mesmísima Virxe María. Di a lenda que o nobre saíu un día pasear polos montes veciños (como ben recomenda miña nai), apampou mirando para un paxariño cantareiro e cando quixo darse conta xa pasaran 200 anos. Cousas!

Alí celébrase a popular Romaría da Virxe das Cabezas, disque moi milagreira para as migrañas. Contounos Moncho do Montiño que cando era mozo enchíase aquilo con tanta xente que el e máis outro non daban feito a repoñer as cabezas de cera para as ofrendas. Como sería a cousa que incluso o cura arrimaba o ombreiro; el soíño se encargaba de poñer da súa man as ducias de sacos cheos das moedas que se xuntaban naquel día.