A contorna da igrexa románica de Simes estrea imaxe e servizos

La Voz MEAÑO

MEAÑO

cedida

A obra foi posible grazas a un investimento de 263.073 euros financiado polo Plan Concellos da Deputación

29 abr 2021 . Actualizado a las 17:06 h.

O Concello de Meaño vén de urbanizar a contorna da igrexa de Simes cun investimento de 263.073 euros financiado polo Plan Concellos da Deputación. As obras dotaron o espazo dun pavimento en pedra, poñendo en valor o patrimonio e mellora a accesibilidade e os servizos deste enclave do románico galego. O deputado de Cooperación Municipal, Santos Héctor, e o deputado Manuel González, xunto ao alcalde, Carlos Viéitez, comprobaron os resultados esta mañá.

«É unha actuación impresionante, unha obra espectacular que realmente dignifica unha parroquia, na que, ademais da igrexa, hai construcións tradicionais e etnográficas moi importantes», declarou Santos Héctor. «Quero facer unha mención ao Plan Concellos, que é unha ferramenta útil para este tipo de actuacións», apuntou o alcalde, Carlos Viéitez. 

A transformación da contorna da igrexa de Simes abrangue cinco vías de titularidade municipal cun pavimento de calidade en consonancia co ámbito histórico-artístico e no que se combinan lousas de granito, lastros e formigón con seixos. Actuouse nas vías denominadas pista da Igrexa, camiño da Igrexa, camiño interior e A Igrexa, así como na pista a Pazos e no camiño da Lagoíña. Amais da pavimentación para remarcar o carácter patrimonial e para garantir a accesibilidade peonil, procedeuse tamén á corrección de dous estreitamentos, permitindo o paso de vehículos de emerxencias que antes tiñan moitas dificultades para chegar ás vivendas circundantes. Para elo foi preciso construír unha soleira de formigón antes de proceder ao retranqueo dalgúns peches das propiedades.

Finalmente, a transformación da contorna de Simes incluíu a substitución completa da rede de augas pluviais, que estaba en mal estado, e instaláronse novos farois, dotados de tecnoloxía led, en lugar dos vellos postes de cemento. Ademais disto, soterrouse o cable das redes de alumeado, eléctrica e de telefonía. Todo elo, como destacou Santos Héctor, contribúe a mellorar o medio ambiente e a eliminar o impacto visual.

«A Deputación fixo posible que o Concello de Meaño teña recibido desde 2015 máis de 4 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. O municipio do Salnés destinou a maior parte destes investimentos á mellora de camiños, á adquisición de terreos para a creación de aparcamentos e á reconstrución das fachadas e cuberta do pavillón deportivo de Xil. Amais, a contribución da institución provincial permitiulle contratar a máis de 100 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais. Este ano o concello dispón de 520.000 euros regrados para novas actuacións coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza», segundo informan desde a institución provincial.