O Asmubal, a evitar o último posto para soñar coa repesca

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

As de Víctor Garrido precisan sacar a lo menos un punto da súa visita ao pechacancelas, Seis do Nadal, esta tarde

07 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás sete da tarde de hoxe comeza o Asmubal Meaño a súa derradeira hora como equipo da División de Honra Prata Feminina ata cando menos a tempada 2019/20. Ou non. O equipo que dirixe Víctor Garrido pelexa hoxe por un triunfo ou, como mal menor, un empate co que evitar que o seu anfitrión, o Magope Seis do Nadal Coia, o acabe superando nunha clasificación na que o cadro vigués chega pechacancelas á derradeira xornada de Liga. E é que, explica o técnico do cadro do Salnés, rematar penúltimo podería non supoñer o descenso directo que sobre as bases de competición leva aparellado o posto ao termo da competición.

«Temos varias posibilidades de non descender quedando penúltimos», conta Garrido. «O Camargo, actualmente no noso grupo da D.H.P. Feminina, pasará a formar parte do grupo noroeste a vindeira tempada xunto cos demais equipos cántabros e vascos da categoría. Por outra parte, o CLEBA é un dos favoritos a subir á División de Honra, polo que de conseguilo, e visto que ningún dos dous conxuntos que están en descenso en D.H. baixaría para o noso grupo, podería quedar outra praza libre». E como última bala, o adestrador do Asmubal barralla tamén «o caso de que ningún equipo galego ou asturiano subise, o que podería supor a permanencia do Seis do Nadal e mais de nós».