O Asmubal estréase coma local na División de Honra Prata

MEAÑO

cedida

Mermado pola ausencia da súa media ducia de xuvenís, as de Víctor Garrido reciben a un dos xigantes da Liga, o CLEBA León

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pavillón de Coirón engalánase hoxe (18 horas) para vivir un feito sen precedentes en Meaño, no que pasa a ser a maior xesta deportiva do concello do Salnés. A estrea no municipio dun equipo local nunha segunda categoría estatal. Neste caso, o debú do plantel feminino do Asmubal Meaño na División de Honra Prata, na que o pasado domingo xogaba o seu primeiro partido, en terras asturianas, con triunfo sobre outro dos recén ascendidos, o Siero (23-27). Unha vitoria tremendamente difícil de emular no día de hoxe, co CLEBA León coma rival.

Descendido a pasada primavera da División de Honra, o conxunto leonés é un dos históricos do balonmán feminino en España, chamado a pelexar co Oviedo, vixente campión do Grupo 1 da D.H.P., polo título que dará dereito a disputar a fase de ascenso á elite nacional. Cara e cruz para o Asmubal, que se ben ten practicamente imposible dar a sorpresa, conta cun rival que enriquece a experiencia única que o plantel dirixido por Víctor Garrido procede a protagonizar.

«Estamos moi contentos de debutar na casa na División de Honra Prata, e de facelo contra un histórico como o CLEBA León», declaraba na véspera o adestrador do cadro meañés. Dito isto, «somos conscientes de que non é un rival da nosa Liga. A nivel clasificatorio, non é un partido de vital trascendencia para nós», co Asmubal Meaño guerreando por eludir os dous últimos postos da clasificación de 14 equipos ao termo da Liga e, así, ampliar outro ano máis a súa estadía na categoría.

Unha galega no rival

Ademais da dureza do adversario, que conta nas súas filas coa lateral esquerda galega Marta Pombal, cedida polo Sporting Guardés, Garrido atópase hoxe coa necesidade de prantar cara con tan só once efectivos. As seis xuvenís en dinámica do primeiro equipo xogan en Cangas partido de Liga da súa categoría, con mínimas posibilidades de chegar a tempo para a segunda parte en Coirón. A maiores, Débora inda non se recuperou dunha lesión no final da pretempada.