Lidia Lestegás: «A adicción ao porno supón un problema cada vez maior entre os adolescentes»
CAMBADOS
A matrona imparte unha charla sobre relacións afectivo-sexuais esta tarde no IES Asorey de Cambados
16 dic 2025 . Actualizado a las 18:13 h.A forma de entender as relacións afectivo-sexuais durante a adolescencia está cambiando e pouco ten que ver con como se facía hai cincuenta ou incluso vinte anos. Co obxectivo de resolver todas as dúbidas que pasan pola mente das familias e dos docentes, a matrona Lidia Lestegás Rodríguez imparte esta tarde (19 horas) unha charla aberta ao público no IES Asorey de Cambados, organizada pola asociación de pais e nais Os Caeiros. Lestegás, que traballa actualmente no centro de saúde de Cambados, é toda unha experta en transmitir información de xeito ameno. Para proba, as súas redes sociais, nas que conta con preto de 90.000 seguidores.
A sociedade actual é a que máis posibilidades de acceso á información ten. Porén, «esa cantidade de información hai que orientala» porque, ao final, as preguntas que lle formulan a esta experta soen ser as habituais, «dende como manter as primeiras relacións sexuais, ata como previr embarazos ou as infeccións de transmisión sexual (ITS)». Para Lestegás, Galicia debería tomar exemplo doutras comunidades autónomas nas que «hai espazos específicos aos que os adolescentes poden acudir sen cita e de forma anónima para recibir información ou someterse a cribados», explica.
A matrona considera que hoxe en día «perdéuselle moito medo as infeccións de transmisión sexual, hai pouca concienciación», algo que, segundo ela entende, non é unha situación que se estea a dar só na adolescencia, senón que é un problema que afecta á sociedade en xeral. «Imos algo por detrás doutras zonas do mundo en canto a estratexias de cribado... ademais, as prácticas sexuais cambiaron, aumentando o número de parellas sexuais e os contaxios», engade.
Consentimento e desexo
Dous dos piares sobre os que se sustentará o coloquio serán o consentimento e o desexo sexual. Conceptos clave que os rapaces e rapazas deben ter claros á hora de relacionarse cos demais: «Non me gusta só centrarme no ‘malo’ do sexo, quero que as familias poidan entender a linguaxe coa que lles deben falar os adolescentes», o obxectivo, segundo a experta, é que aporten «comprensión e un espazo seguro para resolver dúbidas ou inquedanzas».
Outro dos temas que se tratará durante a charla será o consumo de pornografía. Nela, as mulleres adoitan ser tratadas como obxectos, ademais de que tira por terra a necesidade de contar co consentimento ou de ter en conta os desexos da outra persoa: «A súa visualización pode ter consecuencias negativas para os máis novos», apunta Lidia Lestegás, porque os adolescentes, máis influenciables, poden asumir que esa é a maneira na que se deben basear as súas relacións afectivo-sexuais.
En calquera caso, e tal e como deixa claro a matrona: «Non me gusta demonizar absolutamente nada, senón que o meu obxectivo é aportarlle información aos pais e nais sobre que é o que os motiva e como lles pode influír», di. Tamén aportarlles os recursos específicos «especialmente para facer fronte á adición á pornografía, que supón cada vez un maior problema».
O mellor xeito de tratar e entender aos adolescentes é falar o seu idioma: escoitar as súas dúbidas, os seus medos e as súas experiencias. Hai que cambiar a perspectiva de «ensinar» pola de «comprender», porque eles tamén teñen moito que dicir: «As novas xeracións teñen a mente máis aberta», pecha Lestegás.