Cambados inicia unha viaxe ao pasado cun mercado en Fefiñáns e música e lume na rúa

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

cedida

Suru o elefante guerreiro e o seu séquito de músicos deixaranse ver pola praza tras a inauguración hoxe ás 19 horas

24 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados entra a partir de hoxe noutro tempo, o que rememora o Salnés dos séculos XVI e XVII, cando o mercado que se celebraba en Fefiñáns era dos máis importantes da ría. Esa mesma praza, a de Fefiñáns, encherase con postos de comida, roupa e ferramentas cos que se pretende recrear aquela época. É o Cambados Histórica organizado polo Concello que chega con moito máis que ver.

Tras a inauguración do mercado este venres, ás 19 horas —onde se habilitará un espazo con xogos infantís—, Suru o elefante guerreiro e o seu séquito de músicos deixaranse ver pola praza. Logo, ás 19.30 ruxirán os tambores para dar paso a Demonium e os zancudos da noite, que chegarán ás 20 horas. Seguirá a festa con música folk e rematará pola noite co espectáculo de lume O Feitizo. O mercado pechará ás 22.30 horas.

O sábado pola mañá saírán á rúa Os Bufóns da Corte Real, Ruada musical, Gaia natureza e A boa música. A partir das 18.30 horas volverá a música ata A noite en chamas, espectáculo de lume.

O domingo, logo de abrir o mercado, Os faunos zancudos iniciarán ás 11.30 horas as actuacións do día, seguidos de Os perfumeiros (13 horas) e Soan os tambores (13.45 horas). Ás 18.30 chegarán Os viaxeiros doutros mundos, ás 20 horas volve Suru o elefante guerreiro e ás 21.30 será o acto de clausura de Cambados Histórica con moita música e personaxes fantásticos.

«Queremos consolidar esta celebración que encaixa moi ben coa historia da nosa vila. Cambados ten potencial para ter unha feira histórica de relevancia e ser un referente tamén neste ámbito festivo», segundo manifesta o concelleiro de Festexos, Tino Cordal.