Portos saca a licitación a reforma da lonxa de Tragove por 1,3 millóns

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Tamén saca a concurso as gasolineiras portuarias de Cambados e Meloxo

12 abr 2024 . Actualizado a las 17:08 h.

Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove (Cambados). Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 1.377.000 euros, ive incluído

As obras previstas consisten ampliación do edificio actual cara o noreste, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación. Ademais redistribuiranse os espazos na planta baixa destinada a oficinas.

O novo espazo ampliado terá unha superficie de aproximadamente 300 metros cadrados continuando a cuberta existente e incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descargas. Con isto elimínase do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica.

O proxecto inclúe o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos así como outra de almacén para carretillas. Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes. Na zona central crearase un espazo para a pesada do peixe e o marisco e o quiosco substitúese por un novo elemento móbil.

Por outra banda, Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de concurso público para o outorgamento dunha concesión para a explotación das estacións de subministro de combustible de Ribeira (tanto a de embarcacións como a de vehículos), Portocubelo (Carnota), Meloxo (O Grove) e Cambados.