A figuración: un camiño

Jose Vaamonde, técnico de Cultura de Cambados CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

A exposición «Maldita figura» pode visitarse no Espazo Torrado (Cambados) ata o 30 de decembro

24 nov 2023 . Actualizado a las 10:58 h.

No mundo da arte contemporánea, a figuración experimentou un período de eclipse nos últimos decenios do século XX en favor de movementos abstractos, conceptuais ou minimal e outras formas de expresión artística. Sen embargo, ao longo das últimas dúas décadas, xurdiu unha tendencia notable cara á volta á figuración na arte actual. Esta permite unha conexión máis inmediata co espectador, xa que os elementos visuais son recoñecibles e familiares. Os artistas contemporáneos comezaron a explorar a capacidade da figuración para transmitir narrativas, emocións e mensaxes políticas e sociais dunha maneira máis directa e accesible. Non hai que ver a volta á figuración como unha volta á tradición, como unha ancoraxe ao pasado; senón como parte dunha evolución lóxica onde nós, o ser humano, somos unha referencia natural e contemporánea, e que vai desde a arte dos nosos antepasados paleolíticos e as súas representacións venusianas da fertilidade, pasando por Fidias ou Lisipo, o Mestre Mateo, Miguelanxo, Bernini, Rosso, Asorey e ata o mesmo Leiro.

Camilo Seira (Rois, 1974), Francisco Remiseiro (Barro, 1975), Óscar Aldonza (Santiago de Compostela, 1976), Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, 1978), José Perozo (Vigo, 1978) e Miguel Ángel Vigo (Extramundi, 1981) traballan neste senso e, á vez, son defensores deste camiño. Se algo caracteriza este século é de que todo neste mundo ten cabida e nada é excluínte, senón complementario. Non se intenta pois criticar, eliminar ou discriminar outras formas de arte, nin definir cal é o verdadeiro e aquel que se debe seguir, máis si que quere dialogar e estar á par con outras tendencias artísticas. A cuestión sempre é a mesma: que a peza convenza, que estimule, que provoque, que entenreza, que denuncie, que critique, que funcione como tal, sen necesidade de ter que ser explicada. Non quere dicir que non teña explicación. O artista cede a súa obra para que o público a contemple e a complemente, que a interprete e que pase a formar parte del, como unha experiencia máis desta vida. A figuración ten aínda moito que dicir porque é algo no que o artista, espectador, público ou turista despistado pode identificar ou verse reflectido de inmediato.

Son seis escultores galegos que mostran á figura humana desde moi distintos ángulos, entre a revisión da arte popular, o realismo, o hiperrealismo, o expresionismo ou o surrealismo pop, indagando e buscando cada un o seu camiño, as súas dúbidas, inquedanzas, preocupacións, propostas e revisións. Seguindo esa intuición que chamamos creatividade. Os materiais utilizados veñen da tradición, como é o caso da madeira, a pedra, o metal ou cerámica refractaria. Outros incorpóranse ás pezas para darlle unha lectura distinta e propia. O uso da policromía, como foi habitual ao longo da historia, xoga un papel fundamental á hora de rematar a obra e de inculcarlle carácter e personalidade, non como elemento decorativo senón como elemento definitorio.

Eles seguen a liña figurativa. Teñen ese mesmo denominador. Supoño porque aínda habendo novas e non tan novas tendencias, a representación do ser humano aínda está por explorar porque cada un de nós esconde un mundo por amosar.

*A exposición Maldita Figura pode visitarse no Espazo Torrado (Cambados) ata o 30 de decembro, de martes a domingo.