Defuntos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CAMBADOS

02 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Orelato que articula a nosa relación cos defuntos e a tradición de encher os camposantos de flores nestas datas move moitos millóns en poucos días, é un piar que crea postos de traballo e un movemento económico puntual, unha inxección de aire fresco para floristas e outros sectores relacionados. Parece que nunha semana ao ano é cando nos relacionamos cos cemiterios, e cos nosos defuntos. En moitos casos, unha oportunidade para presumir e gabarse fronte á sociedade. O resto do ano esmorecen eses espazos, agás cando hai algún acto fúnebre.

Para os observadores e para os amantes da arquitectura, estas urbanizacións son cidades para os mortos, e como sucede coas dos vivos, organizacións do espazo desordenadas, improvisadas e con elementos fóra de ordenación. Non hai diferenza.

Pero tamén hai camposantos que son verdadeiras xoias urbanísticas ou arquitectónicas. Basta un paseo sosegado para gozar de arquitecturas de pequena escala con decoracións de todos os estilos arquitectónicos, e en casos tamén exercicios de racionalismo de liñas puras que cumpren estritamente a función para a que foron deseñados: unha residencia para sempre, tranquila e sen vida.

Arquitecturas como a do camposanto de Estocolmo ou a Necrópolis Colón de La Habana son lugares de visita obrigada, e en Galicia xa comezan a ser clásicos turísticos os neogóticos da Terra Cha ou Santa Mariña Dozo, en Cambados. Outros que son obra de prestixiosos arquitectos como o de Fisterra non chegan a usarse para o que foron deseñados pero son obxectivo das cámaras dos turistas.