Adeus ao taberneiro que lle ensinou a apreciar o albariño a Julio Iglesias

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

CEDIDA

Gabriel Piñeiro foi un dos precursores á hora de apostar polo branco do Salnés desde o seu pequeno bar de Cambados

23 ago 2020 . Actualizado a las 21:51 h.

Cambados perdeu a un deses taberneiros que contribuíron a facer grande ao sector do albariño e á súa festa. Gabriel Piñeiro Cordal finou aos 88 anos e onte recibiu sepultura na súa vila. Con el desaparece o último supervivente da xeración que empezou a comercializar o viño albariño en Cambados, cando, alá polos anos cincuenta, era pouco habitual atopar nos bares do pobo o branco que gabou Cunqueiro. O que predominaba era o tinto do país e o Castilla, pero Gabriel Piñeiro apostou desde o principio polo que logo serían os rías baixas que hoxe percorren o mundo.

Daquela, Piñeiro visitaba na súa bicicleta todos os recunchos do Salnés para atopar aos poucos viticultores que elaboraban albariño, sempre en moi pequenas cantidades, para comprarlles a súa colleita e animalos a que aumentasen a súa produción sen descoidar a calidade. Xunto a el outros pioneiros como Moncho Pintos, (Casa Germán), Benito Silva ou Moncho Reboredo —todos eles xa falecidos—, conseguiron que o albariño fora conquistando o padal dos máis esixentes e que os agricultores decidiran incrementar a súa produción en detrimento doutras variedades.

Desde a apertura da súa pequena taberna na rúa Isabel II ata o seu peche, en xaneiro do ano 2000, o bar Piñeiro era parada obrigada para todos os amantes do albariño, non só de Cambados. Pola alí pasaron rostros coñecidos, entre eles os de artistas famosos como Julio Iglesias —con invitación de viaxe a Miami incluída— ou Juan Pardo, que adoitaba visitalo a propósito da gravación dos vídeos do seu disco Miña nai dos dous mares, baseado en poemas de Cabanillas, a mediados dos anos setenta. O arxentino Juan Domingo Perón ou o presidente francés, Charles de Gaulle, tampouco deixaron pasar a ocasión cando visitaron Cambados.

Os seus viños conseguiron o primeiro premio da Festa do Albariño en tres edicións e Piñeiro estivo, tamén, do outro lado, como membro do panel de cata do premio.

Era historia viva da Festa do Albariño e da evolución dun sector que daquela, cando el se puxo detrás da barra, poucos podían imaxinar que chagaría a onde chegou. Gabriel tivo clara a potencialidade desta uva desde o principio e foi quen de ver aquel soño feito realidade. Coa xubilación, chegoulle o merecido descanso, xunto coa súa familia, que veu medrar con seis netos e, desde hai pouco máis dun ano, co seu único bisneto, que poden presumir de que o seu avó e bisavó foi un daqueles visionarios que percibiron unha grande industria arredor do albariño.