«De Plácido só coñecemos a punta do iceberg»

CAMBADOS

MARTINA MISER

Entrevista a Xulio Ríos, secretario da Fundación Plácido Castro

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega está a promover persoeiros que xogaron un papel de relevancia no eido cultural galego, e desta volta fixouse en Plácido Castro. Cambados acolleu onte unhas xornadas dedicadas ao intelectual galeguista, unha elección que non foi casual, dada a vinculación desta vila coa súa biografía. A Fundación Plácido Castro leva anos divulgando a súa figura grazas ao traballo, entre outros, do seu secretario e coordinador das xornadas Xulio Ríos.

-É suficientemente coñecido e recoñecido Plácido Castro?

-Cada vez máis. Desde a fundación iniciamos hai vinte anos un traballo de recuperación do seu legado e das súas reflexións no ámbito da tradución, do xornalismo e da súa vinculación co galeguismo. Sempre hai déficits pero o balance é bastante positivo. Plácido goza cada vez máis de recoñecemento. Constatamos con alegría que todos os que se achegan a súa figura de novo descobren unha personaxe de gran nivel.

-O que non chegou foi o recoñecemento que suporía dedicarlle o Día das Letras Galegas...

-Seguirémolo intentándoo. Non é fácil, méritos ten abondo, é un tradutor ao galego xigante e pioneiro. Mais tarde ou máis cedo ha de chegar.

-Queda moito por descubrir sobre a súa vida e obra?

-Queda moito por saber. Hai aspectos da súa biografía, sobre todo da súa experiencia británica, antes e despois da guerra, que merecen que os novos historiadores se afanen en descubrilos. A súa vida foi bastante complicada e azarosa e se perderon moitas cousas. Creo que necesítase un traballo moi importante de investigación. De Plácido só coñecemos a punta do iceberg.

-A fundación está a piques de estrear nova sede en Cambados, para cando?

-Agora estase co proceso de instalar as vitrinas para unha exposición permanente. Iso depende do Concello, pero penso que será para finais de marzo. Esta sede museo representa unha mellora cualitativa, que vai permitir que as actividades da fundación ganen en proxección e ambición.