Telefonía e electricidade seguen copando as reclamacións que tramita Consumo en Cambados

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

VITOR MEJUTO

A conciliación fai diminuír o número de queixas que chegan ao servizo provincial

13 sep 2017 . Actualizado a las 22:09 h.

A oficina de Consumo do Concello de Cambados leva presentadas un total de 42 reclamacións no que vai de ano perante o servizo provincial de Consumo, o cal supón unha redución respecto ás reclamacións presentadas no exercicio 2016, que dende marzo ata decembro dese ano remitiu 56 queixas ao servizo provincial.

A meirande parte das reclamacións son contra empresas de servizos de telefonía (19) e de subministro eléctrico (10) pola instalación dos novos contadores, a excesiva potencia contratada nos fogares, principalmente.

Tamén se presentaron reclamacións, en menor medida, contra talleres de reparación de vehículos a motor, empresas de transporte de mercadorías e de viaxeiros, marcas de roupa por produtos defectuosos e a unha inmobiliaria que se negou a devolver o importe da fianza unha vez que rematara o contrato de aluguer.

Todas estas reclamacións foron presentadas perante o servizo provincial de Consumo ao non ser quen a oficina municipal de chegar a un acordo de conciliación entre o consumidor e a empresa que vende ou presta o servizo, «algo que pola contra si acontece na gran maioría dos casos coas reclamacións que se presentan co pequeno comercio local, xa que tódalas reclamacións que se presentan neste servizo municipal de Consumo, trátanse de solucionar mediante a conciliación previa a través do servizo de mediación», segundo informa o concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín.

Outro dos servizos que se prestou na oficina municipal atinxe a reclamacións presentadas polos abusos bancarios e as cláusulas chan, xa que foron máis dun centenar de veciños de Cambados que se achegaron ás oficinas para consultar se as súas hipotecas tiñan este tipo de produto bancario ou para consultar se as cantidades que o banco lles propoñía como abono polas cantidades cobradas de máis, realizándoselle un calculo individualizado a cada un dos veciños que solicitou a prestación do servizo.

Centro de saúde

A oficina de Consumo de Cambados leva meses recibindo tamén queixas polo funcionamento do centro de saúde do municipio. «Desde a oficina de consumo remitimos a estes veciños a que presenten as queixas nas oficinas de atención o paciente xa que entendemos que esta situación está afectando aos veciños, pero tamén aos médicos e ao persoal sanitario, que se senten impotentes para afrontar a situación», segundo informa Charlín. Ata o momento, ao Concello chegaron queixas, sobre todo, pola ausencia de médicos no centro de saúde, o peche do centro polas tardes, a redución de horario e a falta de persoal.

A oficina de Cambados presta servizo tamén ao concello de Ribadumia, aínda que tamén se teñen atendido casos de concellos limítrofes como Meaño e Meis.