O Samaín xa está a petar na porta

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A bisbarra enteira encherase de actividades terroríficas esta fin de semana

27 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que por momentos non o pareza —entre a calor que aínda vai na rúa e os turróns que invaden os supermercados, andamos despistados—, estamos no tempo das castañas asadas, dos magostos e dos días de recordo aos mortos. Estamos, en fin, no tempo do Samaín, unha festa que vai gañando adeptos ano tras ano, mesturando elementos da tradición galega con outros importados a través das películas de Hollywood. O Salnés está inzado de citas por este motivo. Aquí atoparán algunhas das moitas cousas que se están a argallar para meter medo. Pero medo do bo.

Vilagarcía

As Gharbosas toman os mandos. Empezamos o noso percorrido por Vilagarcía, en concreto polo barrio do Piñeiriño. Alí, a asociación As Gharbosas organiza este venres, entre as seis da tarde e as once da noite, xogos para a cativada e un roteiro nocturno de cabazas polo barrio. As persoas que queiran participar no percorrido poderán levar a súa cabaza decorada ou luces para acompañar o roteiro. Tamén poderán acudir disfrazadas para contribuír ao ambiente misterioso e festivo da celebración. A programación completarase con chocolatada, queimada e foliada para compartir música e baile.

A illa

Multiplicado por dous. No Concello da Illa, as actividades do Samaín multiplícanse. O día 30, ás cinco da tarde, haberá desfile de Samaín seguido de chocolatada. O punto de encontro será a praza do Concello. E ao día seguinte, ás sete da tarde, a cita será no auditorio coa música de GaleRock’N’Magic. O luns, non debemos esquencelo, chegará a hora dunha das citas máis auténticas de todo o calendario destes día: a rapazada sairá á rúa a pedir unha limonsa polos defuntiños.

Catoira

Moi en serio. En Catoira, o Samaín e cousa seria. O sábado haberá sesión de Contos con trasnos e meigallos, de Iván Dávila, ás cinco da tarde. Ás sete será a procesión das caveiras, acompañada pola banda de música: é unha das citas con máis tradición de toda a beira sur da ría de Arousa. Despois da marcha celebrarase un magosto. Xa ao día seguinte, toca teatro con Quen dixo medo!, un espectáculo pensado para gozar en familia. 

Cambados

Música e moito máis. Cambados xa iniciou a celebración do Samaín coas actuacións terroríficas ofrecidas polo alumnado da escola de música e do consevatorio. A música acompañará tamén á Santa Compaña este xoves, cando saia polas rúas da vila. O venres haberá un desfile terrorífico que irá subindo de intensidade: arrancará coas cabazas terroríficas, seguirá cos camiñantes brancos e rematará cunha alerta zombi. E o sábado toca festa terrorífica, con música e baile na praza de Alfredo Brañas.