Tono Campos foi bronce sénior e houbo dobrete arousán na caona sub 23 feminina
17 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Como cada ano, o Campionato de España de Inverno abriu o calendario nacional de piragüismo esprint na canle sevillana de La Cartuja. E unha tempada máis, o deporte da pa arousán fíxose notar, tanto a nivel individual, como nas clasificacións por equipos.
Na primeira salienta un nome propio, tanto polo nivel do seu resultado, como polo feito de ser a primeira vez que Silvia Gago García se coroa raíña da canoa española nos 5.000 metros. Na final da categoría xuvenil feminina, a padexeira do Náutico O Muíño de Ribadumia impúxose con autoridade en 27 minutos, 56 segundos e 19 centésimas. Sacándolle 13 segundos á súa inmediata perseguidora, Lucía Pizarro Dorado, do Escuela Piragüismo Aranjuez, con Irene Lahoz Calvo, do CD Montayak Hiberus, facéndose co bronce xa a unha distancia sideral, de 1 minuto e 3 segundos.
Tono Campos (Breogán do Grove) completou o caixón do podio do C1 5000 Sénior Masculino. Fíxoo empregando 23 minutos, 44 segundos e 16 centésimas, polos 23.12.01 do pontevedrés Jaime Duro, campión, e os 23.26.08 do veciño e compañeiro deste último no Club Fluvial de Lugo, o olímpico Pablo Crespo.
Os outros dous nomes propios arousáns no Campionato de España de Inverno foron o da padexeira do Naútico Pontecesures Nerea Novo e o da grovense do Escola Piragüismo Poio Valeria Oliveira, prata e bronce na final do C1 5.000 Sub 23 por detrás de Ana Cantero, do Círculo Mercantil e Industrial de Sevilla, que lle sacou 51 segundos á cesureña e 1 minuto e 3 segundos á canoísta meca.
A nivel colectivo, dous foron os equipos do sur da ría de Arousa que se fixeron ver na zona nobre das clasificacións por clubs dunha cita que reuniu a 122 entidades piragüistas de toda España. O Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira finalizou oitavo na clasificación xeral con 1.017 puntos e cuarto mellor club galego tras o Fluvial de Lugo, segundo con 2.236 (o EP Aranjuez foi campión con 2.332), o Kayak Tudense, cuarto con 2.102, e o Club de Mar Ría de Aldán, sétimo con 1.159. As Torres foi o quinto mellor equipo sénior masculino e o oitavo júnior masculino. Pola súa banda, o Breogán do Grove volveu de Sevilla décimo cuarto na clasificación xeral, con 792 puntos, e sétimo da sénior feminina.