Denis Rubianes, do Anexo A Lomba, premiado no certame «Rosalía sempre viva»
AROUSA
A Casa-Museo Manuel María acolleu o pasado sábado a décima edición do concurso escolar de recitado poético
11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Casa-Museo Manuel María acolleu o pasado sábado a décima edición do concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María. O certame, titulado «Rosalía sempre viva», contou coa participación de alumnado de entre 6 e 18 anos procedente de diversos centros educativos e na que Denis Rubianes, no Anexo A Lomba, levouse un dos premios.
A xornada desenvolveuse en dúas sesións, nas que os participantes subiron ao escenario para ofrecer as súas interpretacións. Ao longo do día puideron escoitarse versos moi coñecidos da literatura galega, nunha edición na que destacou tanto o nivel das recitacións como a diversidade das composicións escollidas polos estudantes.
Na primeira categoría, dirixida ao alumnado de primeiro, segundo e terceiro de educación primaria, o xurado decidiu conceder o primeiro premio a Xoel Pintor Aira, estudante do CEIP Concepción Arenal da Coruña. O rapaz destacou pola súa interpretación do poema «O carro», unha das composicións máis coñecidas de Manuel María.
Na segunda categoría, destinada a escolares de cuarto, quinto e sexto de primaria, o galardón principal foi para Nicolás Teijeiro Castosa, do CEIP Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea. O estudante conquistou ao xurado coa súa recitación do poema «Galiza», tamén obra de Manuel María. O certame reservaba a terceira categoría para alumnado de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Neste caso, o xurado decidiu repartir o premio entre dúas persoas: Pablo García Martínez, do IES de Foz, pola interpretación do poema «Acolá enriba», de Rosalía de Castro, e Lidia Parcero Gómez, do Colexio Maristas de Lugo, polo recitado de «Prá Habana», tamén da autora compostelá.
Ademais dos premios principais, o concurso concedeu varias mencións honoríficas. Entre elas destacou a obtida por Denis Rubianes Beltrán, alumno do CEIP Anexo A Lomba de Vilagarcía, na segunda categoría. O estudante do curso de 5.º C do colexio vilagarcián foi recoñecido pola súa interpretación de «Quíxente tanto, meniña», de Rosalía de Castro, unha actuación que chamou a atención do xurado pola súa expresividade.