Carlos Torrado, lateral do Arousa: «Pedín axuda a un psicólogo, e a día de hoxe a cabeza non me penaliza nada»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

<span lang= gl >Carlos Torrado, correndo a banda no partido da primeira volta fronte ao CD Estradense no campo da Lomba</span>
Carlos Torrado, correndo a banda no partido da primeira volta fronte ao CD Estradense no campo da Lomba MONICA IRAGO

O defensa vilanovés explica o camiño que o levou á súa mellora ata converterse nun dos xogadores diferenciais do conxunto vilagarcián, e marcar nas dúas últimas xornadas

24 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Boa parte da culpa de que o Arousa se situase a tan só 2 puntos do líder, un Compostela pendente de recuperar este sábado o seu partido adiado co Juventud Cambados, é do lateral dereito vilanovés Carlos Torrado e do dianteiro centro vigués Álex Rey. Os dous son os autores doutros tantos goles no empate a 2 co Alondras e da vitoria, este pasado domingo, no terreo de xogo do pechacancelas, Barbadás, por 0-2. Un fenómeno sen dúbida curioso, que no caso do defensa arousán ten o mérito extra de ter sido quen de marcar en dous partidos consecutivos sendo a súa posición a de zagueiro e facéndoo en accións dinámicas, non a balón parado.

Os tantos de Carlos Torrado non deixan de ser a culminación da súa brillante tempada, na que se descubriu coma un dos mellores recursos de Gonza á hora de materializar a idea de xogo que persegue o técnico do cadro arlequinado. Tanto é así, que o propio Carlos Torrado confesa: «Creo que está sendo a miña mellor tempada» na súa traxectoria futbolística, cunha formación na canteira do Arousa desde infantil de primeiro ano, un primeiro curso sénior no vestiario da Lomba, e o paso polo Coruxo, polo Polvorín e mais polo Rácing Vilalbés entre a Segunda División B, a Terceira e Segunda RFEF. É este un estado de graza que contrasta coa percepción que o defensa arlequinado ten do seu rendemento a Liga pasada, a do seu regreso ás filas arousistas, na que «non estiven ao nivel que tiña que estar», sentenza categórico.

Que cambiou dun ano para outro? Carlos Torrado enfoca a resposta circunscribindo as causas e o proceso á súa propia persoa. «Cambiei moitas cousas na miña vida. Na cabeza está o 90 % de todo, e penalizoume moito. Nos equipos nos que estiven penalizábame moito na cabeza fallar. A día de hoxe, non me penaliza nada». E iso é porque «pedín axuda a un psicólogo», revela o futbolista.

Tirar dun profesional cada vez máis demandado polos deportistas, non só os de máis alto nivel, está a probarse unha decisión do máis acertada no seu caso. Fíxoo haberá uns tres meses e, di Torrado, «nótoo no meu rendemento». Un traballo mental no que «os amigos tamén me axudan un montón», sinala.

Neste proceso, o encontro co gol acabou xurdindo de maneira orgánica. «Como carrileiro, ao final era un atacante, pero non tiña a ambición de querer marcar gol. Tiña na cabeza o traballo de correr a banda e meter balóns aos compañeiros. Ata que pensei, haberá que marcar algún día», declara Carlos Torrado, que contou cunha axuda máis no seu proceso de crecemento. Gonza sumouse ao labor feito polo psicólogo e polos seus amigos. «O míster confía moito en min, dáme moita confianza e moita liberdade á hora de atacar. Iso dáme seguridade e a axúdame a ir a máis», subliña o lateral vilanovés.