Sensación agridoce no Sigaltec no paso polo ecuador da súa histórica tempada na Tercera FEB
AROUSA
O adestrador do conxunto vilagarcián, Luis Gabín, apela á volta á concentración no traballo diario e ao «partido a partido» para ter opcións de pelexar a permanencia na segunda volta
14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Sigaltec CLB vén de pechar a primeira volta da súa histórica estrea na Tercera FEB, a antiga EBA, cuarto pola cola da clasificación, co mesmo balance de 4 vitorias e 9 derrotas co antepenúltimo, o Rosalía, e do Navia, ocupante da primeira praza libre do descenso directo. Do balance do adestrador do conxunto vilagarcián, Luis Gabín, despréndese unha lectura agridoce do feito ata agora.
«O balance da primeira volta, visto o global, é bo. Cando decidimos subir mantendo o bloque de Autonómica sabiamos que ía ser difícil competir, e competimos ben», declara o técnico. Mais, engade, «ao final quédanos unha sensación de rabia, de saber que se nestes tres últimos partidos, fronte a rivais do noso nivel, tiveramos gañado un, teriamos feito unha primeira volta excepcional» que consolidaría aquel 4-6 co que se viu o equipo sorprendendo a propios e a estraños. Sobre todo, por canto nos tres encontros apuntados o Sigaltec probou ter opcións de poder ter gañado.
Preguntado pola clave do excelente rendemento do equipo, Gabín atribúeo «á continuidade do noso proxecto, vese que non é algo moi común nesta liga». Coa «mesma idea, materializada por xogadores que case ao cento por cento veñen da mesma escola deportiva —a do club—, tivemos un plus fronte ao resto dos equipos, inda en construción, no inicio do campionato».
O técnico completa os condimentos da cocteleira: «Sendo a primeira vez que xogamos na Tercera FEB, todo o mundo fixo un esforzo extra. A onda do ascenso axudounos, chegaron as vitorias na Copa e a sensación de que na casa eramos fortes». Pola contra, na segunda volta, con todos os rivais tomándolle a matrícula, o Sigaltec deberá volver, di Gabín, a encomendarse unicamente ao traballo espartano diario que o levou ata a Tercera FEB e esquecer outra cousa que non sexa «ir partido a partido».