Os nacionalistas da Arousa claman ante o «colapso» do centro de saúde

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Interior dunha das consultas do centro de saúde da Illa
Interior dunha das consultas do centro de saúde da Illa MARTINA MISER

Veciños denuncian que a aplicación non permite solicitar citas para os médicos de cabeceira ata xaneiro

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O tenente de alcalde da Illa e voceiro municipal do BNG, Manuel Suárez, vén de denunciar a situación de colapso do centro de saúde do municipio, alegando que os seus usuarios non poden solicitar cita para os seus médicos de cabeceira ata o vindeiro mes.

Segundo detalla Suárez, atendendo a reclamas que lle chegaron de usuarios do centro, a aplicación de citas médicas non amosa ningún oco no que resta de decembro, unha situación que xa sucedeu no pasado novembro. Isto, apunta, non se debe a ningún erro técnico da aplicación, senón que «é a evidencia dun sistema absolutamente afogado pola falta de persoal, pola sobrecarga e pola incapacidade da Xunta para garantir o dereito á saúde». Os nacionalistas alegan que, ante as denuncias dos usuarios, a resposta da xerencia da área sanitaria é que si que existen ocos libres para os vindeiros días, a pesar do que amose a aplicación. Algo que a corporación municipal do BNG nega. Por contra, Suárez apunta a falta de médicos e traballadores e lembra que o centro de saúde conta teoricamente con tres facultativos, «mais cando un profesional está de vacacións ou baixa, a única solución que ofrece o Sergas é explotar ao resto con prolongacións de xornada, o que acelera o esgotamento do persoal e empeora a atención».

O tenente de alcalde do municipio considera que a situación da Arousa, lonxe de ser anecdótica, é un exemplo máis do que está a acontecer no conxunto da comunidade autónoma, o que define coma un síntoma máis do desmantelamento da sanidade pública en Galicia. Por iso, esixe unha resposta á Consellería de Sanidade, que pase por unha cobertura con máis efectivos, reforzo das axendas e unha mellor planificación. A petición de Suárez, a deputada nacionalista Montse Prado levará o caso da Illa nos vindeiros días ao parlamento autonómico.