As actuacións de mellora da rede de saneamento levadas a cabo na avenida de Galicia cambadesa van xa camiño dos 14 meses —comezaron en setembro do 2024— e os veciños seguen sen ver un final.
Este pasado venres, o alcalde Samuel Lago mantivo unha reunión cos responsable destas obras en Augas de Galicia para pedir explicacións polos constantes retrasos e apremar o seu punto final. A resposta é unha nova data límite, asegurando desta volta que as actuacións completaranse en xaneiro do 2026.
Ante este novo retraso —a primeira data presentada no proxecto falaba de finais de 2024 —, o rexedor esixiu medidas para axilizar os traballos, asegurando a súa correcta realización. E é que as obras están deixando numerosas deficiencias que causan malestar tanto entre os veciños como no propio Concello de Cambados. Unhas deficiencias que o consistorio, aseguran, obrigará á empresa construtora a corrixir antes de entregar o proxecto. Lago aproveitou a reunión para poñer como exemplo as obras do treito dereito da avenida, en destino Castrelo, realizadas polo Concello e que se completaron «nun tempo sensiblemente menor e cun resultado máis axeitado».
As actuacións nesta concorrida avenida, situada nas proximidades de dous centros escolares como o CEIP San Tomé ou o instituto Asorey, veñen derivando en múltiples problemas para os veciños da zona. O último deles, o pasado setembro, en relación cos semáforos da vía que atravesa a rúa, os cales foron suprimidos durante un tempo. Xa nesa ocasión o Concello tivo que sentar con membros de Augas de Galicia e da Xunta para atopar unha solución provisional.