Lucía Cid, ilustradora de banda deseñada: «Gustábame debuxar como afección, non sabía que podía facelo como profesión»

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

LETICIA CASTRO

A autora do Grove conta con dous cómics e traballa nunha «webtoon» americana

15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucía Cid sempre tivo claro que quería dedicarse ao mundo da banda deseñada, unha paixón que ten desde cativa. Sen dúbida é o claro exemplo de que se un persegue os seus soños e ademais ten talento, o camiño está feito. Aos seus 23 anos ten xa dous cómics publicados, Dinocarreras e Maia e a troita perlada, e traballa en dúas webtoons —formato de historieta dixital creado en Corea del Sur, no que cada episodio se publica nunha soa imaxe vertical, facilitando a súa lectura en dispositivos electrónicos— I want to kiss 100

monster girls! e Scales and tapes, con Alejandro Vázquez, unha obra que agora mesmo está parada. 

Debuxa dende ben pequena. «Comecei con dez ou once anos, pero nunca o considerei coma unha profesión», conta. Daquela gastaba moito papel e rotulador, pero pronto chegaría unha tableta á súa vida para facerlle o proceso máis doado.

«Lembro que no instituto escoitaba moitas veces que disto non se vive, que non se poden gañar cartos», sinala. Tíñao claro, e tamén algunha das súas mestras que en certa maneira a empurraron a entrar en O Garaxe Hermético. Así foi como se converteu en destacada pupila de Kiko Dasilva. Entrou na escola pontevedresa con 18 anos e alí se formou ata hai ben pouco. De feito o seu primeiro traballo, Dinocarreras, foi premio Fin de Curso da escola. «Alí empapeime de moitos coñecementos, non só con Kiko Dasilva, senón con mestres coma Fernando Llor e Miguel Porto», explica esta moza afincada no Grove, dende onde agora segue a producir obra. 

Lucía devece por debuxar, e sobre todo por contar historias, destas que deixan un pouso en quen as le con profundidade. O proceso é ben curioso. Primeiro debuxa e dende aí vai fiando a historia: «Con Mai e a troita perlada, todo comezou porque quería debuxar peixes, non sabía o que quería facer coa troita pero logo pensei que quería tocar a miña infancia en Ourense…meus avós viven nunha vila que non sae nos mapas, rodeados de natureza, e iso quería reflectir», di. Desa maneira vaille dando unha tintada persoal a cada obra, deixando un pouco de si mesma nas páxinas. Non é algo casual, pois en Dinocarreras pasou algo semellante. Serviu para autoconvencerme do que quería facer», asegura. A obra trata sobre unha nena que quere seguir os seus soños e ser corredora de dinosaurios, e o certo é que ten certo paralelismo cos seus propios obxectivos vitais. 

Tamén hai que dicir que ten un estilo bastante definido. «Cando entrei no Garaxe debuxaba cun estilo moi manga, a nivel de proporcións e de expresións», comenta. «Tentei tirar por aí pero despois decateime de que se quería facer un cómic enteiro tiña que simplificar, se non quedaba no intento, polo que logo fun modificando». Co paso do tempo foi virando cara un estilo máis realista, «pero sigo tirando cara o manga, aínda que teño algunha influencia franco-belga, sobre todo nos fondos».

Sorprende de Lucía o claras que ten as cousas, a pesar de non ser un mundo doado este do cómic a nivel profesional. O segredo, afirma convencida, non é outro que ter disciplina: «A min gustábame debuxar como afección, non sabía que podía facelo como profesión. Iso si, hai que ter disciplina. Hai días que botas seis horas e outros que botas doce, pero o que te move é a paixón ao fin e ao cabo». Ela vai ben servida de ambas as dúas cousas, e o talento fai o resto. Cada páxina, confesa, pode levarlle de cinco a oito horas, nun cómic que ten 120 carillas, son moitos días.

Gústanlle as historias que teñen algo máxico, por iso quizais ten pendente facer unha de meigas, «pero que sexa divertida», apunta. E sempre cunha pequena moralexa.

Nestes intres traballa nunha webtoon para unha plataforma americana, unha comedia romántica, e confesa que lle enche moito o de publicar online e ver as críticas. «Son vantaxes que a obra en papel non che da», explica, sabedora de que o mundo editorial non é doado, e que facer cómics «é un traballo moi solitario», por iso tamén enfoca parte do seu tempo a dar obradoiros compartindo experiencias cos máis pequenos. Mentres tanto, no seu pequeno estudio, segue a facer realidade as historias que lle roldan na cachola.