O conxunto vilagarcián suma os seus partidos por vitorias
28 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inda non apareceu equipo que lle dea aguantado o ritmo e a calidade a Os Ingleses RC esta tempada de cambios profundos na Primeira Galega de rugbi masculino. O pasado sábado, no campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa, o conxunto que dirixe David Lema impúxose 57-0 ao Zalaeta ATC Arteixo-Santiago R.C., un dos varios equipos montados por asociación dun par de clubs tras decidir a Federación Galega fusionar as dúas categorías séniores masculinas nunha única competición.
A contundencia do resultado reflicte a superioridade total que Os Ingleses xa amosara na primeira xornada da Liga, tamén ante un rival combo, o Mareantes-Barbanza R.C., que superara a domicilio 14-66. Máis difícil llo puxeron o Campus Universitario Ourense, 17-29, e o Pontevedra R.C, 39-12, pero co mesmo desenlace: vitoria dun conxunto vilagarcián que avanza líder invicto, con 19 puntos tras un pleno de catro triunfos. Só o CRAT conta tamén as súas comparecencias por partidos gañados, só que cun menos disputado.