O Cortegada segue sumando partidos por vitorias (81-58)

AROUSA

MARTINA MISER

As de Santos dobregaron o Boet Mataró inda sen Horford nin a lesionada Damaris

19 oct 2025 . Actualizado a las 10:20 h.

O Mariscos Antón Cortegada ampliou o seu casilleiro de vitorias na Liga Femenina 2 sumando o 81-58 sobre o Talenom Boet Mataró ao seu triunfo da primeira xornada sobre o BF León (77-76) no mesmo escenario, o Pavillón Municipal Sara Gómez.

Nin a posible perda de ritmo de competición, logo de adiar o seu encontro da segunda xornada para concentralo co da semana que vén ambos os dous en terras catalanas. Nin as importantes baixas, con Maira Horford vendo o partido no banco vestida de longo tras presentarse inda onte ao resto do equipo procedente de Brasil con Damaris Rodríguez á súa vera por unha sobrecarga muscular. O Mariscos Antón Cortegada resultou ser inasequible para un Boet Mataró que sempre, desde o 2-0 anotado por Christamel Ezumah aos 48 segundos de xogo, remou contracorrente no marcador.

Pelexou duro o cadro catalán no primeiro cuarto por conseguir un partido a cara ou cruz. Os seus esforzos levárono a marcar en curto as de Manu Santos, pechando o primeiro parcial cun 23-18. Pero no segundo acto a pizarra do técnico vilagarcián surtiu efecto. Cris Loureiro e Gara Jorge redoblaron esforzos por anular as vantaxes que o Mataró conseguía cargando o xogo no poste baixo na procura das súas aleiros e á-pívots. E deste xeito, o Cortegada lanzábase ao descanso ata un 40-24.

Cun gran regreso a pista, as xogadoras catalanas apertaron o electrónico a 8 puntos de diferenza, 44-36, nun parcial de 4-12 que pedía unha reacción vilagarciá. E o conxunto local respondeu convenientemente. Foi elevar novamente a intensidade defensiva e ver como o Boet Mataró via voar calquera opción de remontada. Ata en seis ataques deixou o Cortegada sen poder tirar o seu rival.

O anterior, unido a unha artillería envexable, con media ducia de xogadoras asinando anotacións de dous díxitos e unha formidable porcentaxe de acerto no tiro de dous do 63 por cento, non fixo máis ca ampliar a vantaxe do Cortegada, que a 44 segundos do final gañaba de 25 puntos.

Máis aló do resultado final, o partido deixou varias grandes novas máis para o conxunto que adestra Manu Santos. Desde o excelente rendemento colectivo, con todas as xogadoras participantes do máis acertadas, pasando polo impacto cada vez maior da canterana Marta Sanmartín como escolta, onte con 15 puntos, 7 asistencias e 20 de valoración, a estrea coa camisola vilagarciá da pívot María Angulo, ata o perfil de xogadora franquicia que se empeza a debuxar arredor de Ezumah, que co 21 puntos e 6 rebotes foi a mvp do partido.

FICHA DO PARTIDO:

M.A. CORTEGADA (81): Blanca Manivesa (12), Marta Sanmartín (15), Cris Loureiro (12), Gara Jorge (11) e Christabel Ezumah (21) —quinteto titular—; Martínez, Somoza, María Angulo (10), Carabán, Inés Yubero e Teresa Cabello.

TALENOM BOET MATARÓ (58): Fux, Gamarra (2), Navarro (10), Vilafranca (10) y Magriña (7) —quinteto titular—; García (8), Vigário (5), Queralt Coll (8), Jiménez (8), Cervan e Aubà. 

PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 23-18, 17-6 (40-24 ao descanso); 17-17 (57-41) e 24-17 (83-58).

ÁRBITROS E PERSOAIS: Christian Abalo e Víctor González. Sinaláronlle 21 faltas ao Mariscos Antón Cortegada e 24 ao Talenom Boet Mataró. Sen eliminadas.