A formación nacionalista lembra que a defensa e promoción da lingua galega debe ser unha prioridade para as administracións públicas
16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Bloque Nacionalista Galego de Vilagarcía presentou unha moción na que insta ao goberno local a asegurar o uso do galego en toda a cartelaría, anuncios e materiais de difusión dos eventos organizados, promovidos ou patrocinados polo Concello.
A formación nacionalista lembra que a defensa e promoción da lingua galega debe ser unha prioridade para as administracións públicas, ao tratarse «dun dos bens máis prezados que nos identifica como pobo». O BNG alerta da situación actual do idioma, sinalando que, por primeira vez na historia, son máis as persoas que empregan habitualmente o castelán ca o galego.
O grupo municipal considera que o Concello non pode permanecer alleo a esta realidade e debe velar polo cumprimento da Lei de Normalización Lingüística de Galicia. Por iso, propoñen que toda a documentación ou cartelaría na que participe o Concello sexa revisada pola técnica de Normalización Lingüística, garantindo así o uso correcto e coherente do galego. O BNG denuncia que nos últimos meses se detectaron varios carteis de actos municipais redactados unicamente en castelán, o que vulnera os compromisos adquiridos en protección lingüística.