Monoulious DOP actuará na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga

G. B. BANDÍN / P.P. VALGA / LA VOZ

AROUSA

O grupo súmase a unha programación cultural que xa ten confirmada á banda Quinkillada para o venres

28 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O escenario da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga ten preparadas grandes actuacións para os vindeiros días. +Música, o programa provincial da Deputación de Pontevedra, ofrecerá unha proposta que resoará con forza. Seguido do show de Quinkillada (venres 29 ás 21.30), o parque Irmáns Dios Mosquera volverá encherse de xente para recibir a Monolious DOP (sábado, 22 horas).

A banda, conformada por Beny á batería, Torroncho ao baixo, Carba e Pla ás guitarras e Ula e Mon ás voces, xurdiu no 2012 como un proxecto musical exclusivo para internet. Os responsables de darlle voz ao grupo foron os que empezaron a publicar videoclips autoproducidos e conquistaron o público. Xa co seu apoio, no 2017, a banda de rock lanzou o seu primeiro disco, LP Padre. Dende entón non pararon, chegaron Black Album, Disco Disko e Chandal Metal Tour. Este último traballo conta con temas máis modernos e cunha estética influenciada polos anos 2000.

Dotado de 700.000 euros, +Música segue difundindo a lingua e cultura galegas. Esta non é a última presentación da institución provincial: ata decembro levará o seu programa de concertos aos concellos de menos de 50.000 habitantes.