Os veciños da Illa poderán baleirar as fosas sépticas na depuradora 

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Será grazas a un acordo acadado entre o Concello e Augas de Galicia

02 jun 2025 . Actualizado a las 15:21 h.

Limpar as fosas sépticas na Illa de Arousa será máis doado no futuro próximo. O Concello e Augas de Galicia van asinar un novo convenio de xestión da estación depuradora de augas residuais (EDAR) no que se incluirá que os propietarios de pozos negros poidan baleiralos na depuradora, facilitando así a xestión de residuos para aquelas vivendas que non teñen conexión coa rede de saneamento.

Actualmente, a xestión das fosas sépticas implica que as propietarios deben contratar un xestor autorizado para limpar e baleirar os pozos, o que pode resultar custoso debido ao transporte dos residuos a grandes distancias. «Co novo convenio, a veciñanza poderá optar por contratar o baleirado e levar os residuos directamente á EDAR cunha considerable redución do gasto ao aforrarse tanto a xestión do tratamento como un desprazamento maior», segundo explica o primeiro tenente de alcalde, Manuel Suárez. «É un paso adiante para termos garantías para o Concello, xa que garante que os baleirados se fan como teñen que facerse sen danos á contorna», apunta Suárez.