A historia de doce anos detrás dun éxito: «Este grupo gañouse desfrutar un ano da Tercera FEB»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Luis Gabín e os seus homes completaron un proxecto a longo prazo cociñado a fogo lento pola directiva e polo colectivo de adestradores do BBC e do CLB

03 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Será pola súa mente analítica que a Luis Gabín lle sae primeiro o ‘Buf...!’ antes co ‘Si...!’ «O alivio foi grande, porque despois do domingo anterior —con derrota do Sigaltec CLB ante o Ulla Oil Rosalía na final polo ascenso directo nun Pavillón Sara Gómez ateigado— sempre está na cabeza a idea de que a oportunidade boa era a da casa», conta. Poderíase dicir que por fortuna non sempre as corazonadas son boas», pero o certo é que, tras o éxito do Sigaltec CLB, pouco hai de sorte e todo dun proxecto a longo prazo que nacía hai algo máis de dez anos. 

Concretamente, na temporada 2012/13, co Viniequip, o nome co que, conta o propio Luis Gabín, un grupo de adestradores do BBC, el entre eles, «decidimos sacar de novo un equipo sénior xogando nós» tres anos despois da desintegración do Inelga. «Viamos que viña unha xeración de cadetes con boa pinta e dixémonos de montar o equipo para cando estes rapaces chegaran a séniores». No camiño, lembra quen fora o adestrador axudante de Juan Espiñeira na despedida do BBC da EBA, os primeiros pasos adiante da man de Diego Doval, ascendendo o conxunto sénior masculino de Tercera a Segunda Autonómica e de aí á Primeira. E tras un ano de transición baixo a batuta de Xoán Trigo, un dos últimos xogadores que vestiran a camisola verde do Inelga BBC, a chegada de Gabín para acabar de cociñar o rico caldo que se puxera ao lume nos anos precedentes, sobre a lareira do traballo de base feito polos técnicos das categorías inferiores cos hoxe quince asinantes do ascenso á Tercera FEB. 

Insuflando a ambición

«O primeiro ano díxenlles, ‘Mira, imos adestrar catro días á semana, cando a maioría dos equipos facíano tres», conta Gabín. Unha rutina que o Sigaltec, xa daquela CLB tras a fusión das canteiras do BBC, do Liceo Marítimo e da AD Cortegada no 2014, mantivo mesmo durante a pandemia, entre fortes limitacións e o uso obrigatorio de máscaras.

Así chegou a primeira fase de ascenso á inda daquela Liga EBA en Noia. «E aí empezouse a crer, e dixémonos ‘Pois o ano que vén temos que volver clasificarnos’», lembra Gabín. Conseguírono co regreso de Gus Andújar «gañando o derradeiro partido da fase regular no Pazo de Lugo ao Estudiantes que ninguén contaba con gañar», e o seguinte ano pese ao regreso ao retiro do veterano á-pívot, precisamente para darlle cabida a xente inda moi nova que retornaba ao CLB tras pasar un breve tempo sen poder xogar no club. «Uns anos estaban uns, outros estoutros, e nos dous últimos anos xuntáronse todos» os que tiñan que estar para conseguir o gran soño dos ideólogos deste proxecto, coma Álvaro Monteagudo e un Isidoro Canabal que onte subliñaba «se se chama Básket Base Club é por algo».

A seriedade de todo un equipo. A cabeza dun corpo técnico e o seu corazón, bombeado polo perenne Javi Guerrero, delegado e fuelle entregado a avivar as lapas da forxa dos prodixios de Gabín cando ameazan con esmorecer. E a xenialidade dos que están no momento xusto no lugar axeitado. Coma Pablo Fernández e o 0-14 dun só home que se sacou da manga para levantar o pasado domingo un 55-48 e convertelo nun 55-62 no último cuarto; ou de Gus Andújar e o seu derradeiro baile, cunha canastra a base de cóbados e tocando a rebato para acabar de sacar os seus compañeiros das trincheiras fronte ao Universidad de Valladolid. Dezaséis anos despois, as últimas pezas acabaron de colocarse para completar un mural colectivo encolado con ese «bo día que tes que ter para ascender», apunta Gabín.

«Agora temos que celebralo, e cando acabe a celebración, ver o seguinte paso para este grupo», di o seu técnico, para deixar claro: «Este grupo gañouse con todo dereito desfrutar da Liga EBA». E el, facelo á súa fronte.