A finca está ubicada entre a avenida Rosalía de Castro e a rúa Extramuros
01 nov 2024 . Actualizado a las 14:21 h.O Bloque Nacionalista Galego de Vilagarcía presentou unha moción pola que solicita a adquisición dunha parcela para a creación de prazas de aparcamento públicas e gratuítas en Carril, e diríxense ao pleno da corporación cunha proposta: a compra dun terreo de 1.647 metros cadrados situado entre a rúa Extramuros e a avenida Rosalía de Castro «que aliviaría esta situación e incrementaría ademais a seguridade viaria da cidadanía en eventos multitudinarios que se dan no pobo coma por exemplo as festas patronais, a Festa da Ameixa, Ameixa Rock,...», sinala o grupo municipal.
«Hai que ser realistas é ter en conta que non son moitas as parcelas existentes no núcleo urbano que reúnen as condicións propicias para tal fin», engaden os nacionalistas na procura da obtención dun compromiso por parte do goberno local para levar a cabo esta operación.
«A diferenza de outros puntos do concello, o pobo de Carril non conta con prazas de aparcamento propias e públicas que poidan dar servizo tanto ás persoas residentes no pobo como ás persoas que queiran achegarse ao mesmo». E engaden: «Hai que ter en conta que é un dos principais atractivos turísticos da nosa vila e en determinadas épocas do ano ve incrementada notablemente tanto á súa poboación como o seu número de visitantes. Sen embargo, non conta coas infraestruturas necesarias para solucionar a dificultade de atopar onde aparcar no mesmo, sendo esta unha problemática recorrente para a veciñanza e unha demanda histórica da mesma».
Sinalan desde o grupo da oposición que Carril non dispón dun aparcamento público gratuíto en propiedade, «o único existente é un aparcamento disuasorio que non é propiedade do Concello e que en calquera momento podería desaparecer, véxase o acontecido no barrio de O Piñeiriño». Así as cousas, opinan que xa é hora de saldar «unha débeda histórica co pobo de Carril».