Madrid, Mónaco e Valencia, encantados cun EncestaRías ao que non descartan volver

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

O torneo bate a súa marca con 7.000 espectadores e o seu primeiro todo vendido. Os seus responsables descoñecen en que localidade se celebrará o vindeiro ano a súa décima edición tras o éxito rotundo en Pontevedra

17 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi a nosa mellor edición». Iván Villar non o dubida á hora de comezar o seu balance do noveno Torneo EncestaRías. Unha cita convertida a semana pasada no Pavillón Municipal de Pontevedra nun auténtico espectáculo de luxo. Cun The Dream Game a modo de prólogo enfrontando a Real Madrid e AS Mónaco o mércores 11 que o codirector do campionato di «podía ser unha final da Euroliga perfectamente». E cun cuadrangular con inicio 48 horas despois onde o conxunto monegasco coincidiu co Valencia Basket, equipo que acaba de perder a súa condición de franquicia da Euroliga pero que se mantén entre os principais orzamentos do deporte da canastra no vello continente, xunto cos dous representantes galegos na vindeira edición da Liga Endesa ACB, o Breogán e o Básquet Coruña.

Á impresión sensorial Iván Villar suma cifras e letras para apoiar a súa afirmación inicial. As cifras, en forma das 7.000 persoas que, informa, pasaron polo Pavillón Municipal de Pontevedra, cunha capacidade para 2.600 espectadores elevada ata os 2.950 coa colocación de asentos extra co Concello de Pontevedra entregado á causa de converter a súa localidade nunha referencia na pretemporada baloncestística. Os primeiros 2.950 afeccionados, no Real Madrid-AS Mónaco, regalándolles o seu primeiro todo vendido na historia do torneo aos promotores do EncestaRías, os dous tolos vilagarciáns do deporte da canastra Iván Villar e Diego Doval, e ás catro decenas de voluntarios detrás deles e cuxo traballo Villar enxalzou xunto ao apoio do Concello, da Deputación e da Xunta. Os 4.000 asistentes restantes repartíronse entre as dúas xornadas do torneo propiamente dito, o venres, nas semifinais, e o sábado.

O The Game Dream conseguiu, explican desde a organización, elevar tras a súa celebración nun medio milleiro as entradas diarias vendidas para as dúas xornadas do torneo.

Neste punto, Iván Villar confesa que «tiñamos moitas ganas de conseguir vender todas as entradas nun partido. En Vilagarcía algunha vez estiveramos preto», pero nin cun aforo moito menor, de 900 asentos, superando lixeiramente os mil nalgunha edición con grada supletoria, se conseguira.

Se as cifras non deixan lugar á dúbida, menos inda as palabras que os tres cabezas de cartel lles trasladaron aos organizadores do EncestaRías: «Real Madrid, Valencia e AS Mónaco dixéronnos que estiveron encantados e súper a gusto, e que non descartan volver», di Villar, que recorda que nos tres casos levaban anos tentando traelos ao seu torneo.

Os organizadores non saben cal será a sede da décima edición

«Estamos aterrando mental e fisicamente. Cando empece o ano que vén, sentarémonos e estudiarémolo». Desta forma contestaba onte Iván Villar á pregunta de se, despois de dous anos en Pontevedra obrigados polas obras de reforma integral do Municipal de Fontecarmoa de Vilagarcía, o EncestaRías volverá á súa orixe e lugar de celebración das súas sete primeiras edicións. «Somos de Vilagarcía, o torneo naceu en Vilagarcía. Agora é como escoller entre o pai e a nai», comenta. Dito isto, sinala que se a liña que se vaia buscar a partir de agora acaba pasando por manter o aforo de 2.000 persoas diarias acadado este ano, «a resposta é obvia». Con todo, e como xa fixera hai uns meses antes de que o longo retraso na finalización das obras de Fontecarmoa obrigase a repetir en Pontevedra, Villar di que a décima edición «mesmo podería ser nunha terceira localidade».