O dixital muda a volta ao cole nun ano no que cada libro pode subir entre 3 e 7 euros
AROUSA
As librarías sofren a publicación tardía das listas de material por parte dos colexios, o que dificulta a venda rápida e pode chegar a formar largas colas
01 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Para as nais e pais non hai unha época máis estresante que setembro: renovación de armario, volta á rutina, ir buscando os paraugas e comprar o material dos nenos. Un mes no que as carteiras se baleiran e hai que facer estrañas contas matemáticas para que dea para todo. Este ano hai catro datos que se deben ter en conta: os prezos da papelería por fin se manteñen, pero os libros de texto poden subir ata sete euros máis con respecto o ano pasado. Cada vez usase máis o dixital e a compra de segunda man. Pero antes de ir a tenda, en moitos casos hai que esperar ao inicio do curso.
Vilagarcía
6 ou 7 euros a maiores. Esa é a cantidade que Anabel Gallego, traballadora da libraría Vidal, estima que poden subir os prezos dos libros de texto. «Notase moito que a xente tira de Wallapop e dos libros de segunda man. Incluso veñen persoas que me din: Se alguén pregunta por exemplares xa usados, dálle o meu número», afirma a vendedora. O barrio do Piñeiriño é un pioneiro en materia de segunda man coa creación do Wallapiñe. Unha especie de mercado, no que este ano máis asociacións veciñais se van a incorporar a unha venda que non para de crecer en participantes e popularidade. As libarías tamén se queixan da publicación tardía das listas dos colexios, xa que despois as editoriais, a pesar das existencias, non poden producir de forma tan rápida como lles gustaría.
Meaño
O factor das vendimas. En Meaño, o protagonista de setembro non é o colexio, son as vendimas. É por iso que os proxenitores queren deixar todo o tema escolar pechado para centrarse na recollida da uva, algo que afecta a Olga Lojo e a Miriam García, traballadoras na librería Musa de Dena. As dúas explican que intentan axustar os prezos o máximo posible e cando os coles non dan as listas a xente incluso se achega a elas a por información. Pola súa experiencia, o colexio da zona non pide moitos libros de texto, só nos que hai que escribir, o que minimiza o gasto, pero afirman que «en algúns sitios pásanse pedindo cousas concretas, marcas e obxectos que non se van volver usar», e que encarecen a compra final.
A Illa
Peche por unha baixada nos ingresos. A libraría Castelao é coñecida non só na Illa senón tamén en Castrelo, onde contan cunha tenda, que a finais deste ano pechará a súa porta. Amancio Gondar, o dono, explica que isto débese a que os ingresos dos libros de texto baixaron ata un 50 %. Aínda que a volta ao cole antes supoñía moitos beneficios agora ten que abrir a tenda os domingos para gañar algo a maiores.
Cambados
O cliente vén obrigado. Algunhas das librarías entenden a posición dos pais, que «veñen obrigados a comprar por unha lista», explica Arancha Abal, da Libraría Soños de Papel. Ela pon de exemplo á escola de San Tomé, que pide algo de gasto ao principio, pero porque durante o ano os profesores non soen volver a pedir nada e aproveitan todo o que poden de edicións anteriores. Ademais, comenta que este centro xa dá as listas en xuño, polo que se facilita o proceso de adquirir o material. «Non como outras, que dan o catálogo o 11 de setembro e piden que se leven as cousas canto antes». Algo que dificulta que a tenda poida abastecerse do necesario e cubrir a necesidade o máis rápido posible.
O Grove
Os colexios teñen que mellorar. Betty Aguín é a encargada da libraría Nobel do Grove e afirma que o prezo dos libros de texto subiu unha media de tres euros, aínda que eles intentan ofrecer descontos aos seus clientes. A volta ao cole supón máis dun 70 % dos seus ingresos, pero cada vez máis, o dixital cómese á vida real. «Hai que mellorar na comunicación dos coles. Facer unha previsión de material. Porque eu podo ter existencias de certas marcas, pero no momento, se eles piden outra... O primeiro día de cole fórmanse colas interminables», relataba a libreira.
Catoira
Todo por ordenador. María Teresa Ribeiro, da libraría Cartafol, conta que cada vez baixan máis as vendas dos libros de texto. Isto débese ao aumento do exemplares dixitais e de que, despois da renovación de libros, os fondos solidarios da Xunta xa conten con existencias. A libraría comenta que na súa zona a xente non pode ir moi pronto a polo material, xa que as listas con todo o necesario son dadas nas titorías de setembro. Ademais, ten coñecemento de colexios que piden ata 11 libros de texto.