O punto limpo de Valga recibiu 360 toneladas de residuos dende a súa reapertura

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

05 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A un ano dende a reapertura do Punto Limpo de Valga, o Concello fai balance, e faino en positivo. «Neste período, as instalacións recibiron un total de 357,81 toneladas de residuos, garantindo o seu tratamento por parte de xestores autorizados e posibilitando a súa reciclaxe e reutilización», din dende a Administración local. Situado no lugar de Coto, o punto limpo, xestionado directamente polo Concello, recibiu 575 entradas de 348 persoas diferentes. Delas, a inmensa maioría, o 92,5 %, son de Valga, coas parroquias de Cordeiro e Campaña á cabeza. Con diferenza, é o escombro o residuo que máis ten chegado: 260?4 toneladas, das que 114 foron depositadas por veciños de Valga. «O resto corresponden a obras municipais e a residentes noutros concellos».

Segundo explican dende o goberno de Valga, «o bo funcionamento das instalacións tivo repercusión noutros servizos municipais coma a recollida domiciliaria de voluminosos, pasando de superar as 400 recollidas anuais a realizar só 348 en 2023».

O punto limpo está aberto os luns de oito a tres, e os xoves de dous a nove da tarde.