Con Eles ultima o proxecto para iniciar a súa residencia para persoas con discapacidade intelectual a mediados do 2024
AROUSA
A entidade vilagarciá alerta de «unha emerxencia silenciosa, que pasa desapercibida para os servizos sociais», Fademga, o colectivo que aglutina as asociacións de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual de Galicia, reclámalle á Xunta fondos para a construción
29 sep 2023 . Actualizado a las 20:47 h.A prensa acudía na mañá de onte á casa consistorial de Vilagarcía de Arousa convocada á presentación dunha nova edición das Marchas Ciclistas Unificadas que, coa colaboración do Concello, organiza Special Olympics Galicia entre as súas actividades deportivas para a visibilización e integración social das persoas con discapacidade intelectual. Pero o seu presidente, Eladio Fernández, cargo que compaxina coa máxima responsabilidade en Fademga, a federación de asociacións de pais e nais de dito colectivo, aproveitou o acto institucional para reiterarlle publicamente á Xunta de Galicia unha reivindicación que leva moitos anos de espera: o apoio económico da Administración autonómica á construción da residencia que proxecta a asociación local Con Eles.
Co deputado provincial do Partido Popular, Javier Tourís, e da voceira do PP en Vilagarcía, Ana Granja, diante, Eladio Fernández pediu que «a Consellería de Política Social abra os brazos e apoie un servizo tan importante». Tras a presentación das Marchas Ciclistas Unificadas e preguntado polo asunto, o presidente de Fademga explicou que «este ano saíron unhas axudas con fondos europeos para a reforma ou construción de centros para persoas maiores ou con discapacidade. Presentáronse doce asociacións de persoas con discapacidade intelectual, quedaron fóra catro. Reunímonos coa nova directora xeral do ramo para pedirlle que a Xunta poña fondos tamén para esas catro e díxonos que ten poñerse ao día dos asuntos do seu departamento, pero xa é un asunto que falamos coa conselleira —Fabiola García— e deunos a caldada por resposta».
Preguntado pola cuestión, o xerente de Con Eles, Ignacio Rey, que non estaba na presentación do concello, aclarou onte que a resolución á que fan referencia desde Fademga se resolveu mediante un procedemento por concorrencia competitiva cun baremo de puntuación. Os elixidos pola Xunta recibirán ata un 50 % do investimento total do proxecto subvencionado. Un diñeiro que aceleraría o proxecto de residencia que, recorda Ignacio Rey, leva sobre a mesa desde o mesmo día no que, no ano 2005, Con Eles puido poñer en marcha o seu centro de día no Rial sobre un solar traspasado polo Concello de Vilagarcía. A edificación actual xa se levantou pensada para poder gañar dúas alturas nas que abrir unha residencia con 16 habitacións individuais, con posibilidade de converterse en dobres, para persoas con discapacidade intelectual que, co paso dos anos, queden desamparadas polo pasamento dos pais ou demais familiares.
«Imos facer a residencia por fases, por un tema de dispoñibilidade económica. A idea era comezar o ano pasado, pero estamos modificando o proxecto orixinal para adaptalo ás novas esixencias técnicas tras a pandemia. Esperamos empezar a primeira fase no 2024», di o xerente de Con Eles, que teme que os 1,8 millóns presupostados para toda a obra antes do covid se encarezan o dobre.
«Estamos detectando unha emerxencia silenciosa, que pasa desapercibida para os servizos sociais»
O xerente de Con Eles, Ignacio Rey, sinala que a súa asociación xa acometeu as obras de adaptación necesarias na planta baixa do seu centro de día, a única coa que conta neste momento, de cara a poder construír e homologar a futura residencia. Obra previa feita cos 80.000 euros concedidos polo Concello de Vilagarcía con tal fin e que permitiu, entre outras cousas, crear a estrutura para o futuro ascensor.
Ignacio Rey salienta a urxencia da residencia porque, advirte: «Estamos detectando unha emerxencia silenciosa, que pasa desapercibida para os servizos sociais da Administración, colapsados. Mellorouse tanto na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual no último século, que pasaron de ser persoas agochadas e por cuxa saúde non se velaba con esperanzas de vida duns 50 anos a vivir ata os 60 ou 70 se non teñen patoloxías previas». E iso, apunta, dá pé a unha potencial situación de desamparo dunhas persoas hiperdependentes cando sobrevivan os pais ou familia que os atende.