Da nobre e antiga Casa da Torre

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA AVELINO OCHOA

AROUSA

MARTINA MISER

No Grove houbo tres torres de carácter civil, máis ben das coñecidas como torres de cobranza: unha no lugar da Torre, a da Casa da Fonte; outra co mesmo topónimo en Balea; e esta da que falamos, no Montiño, a carón da Vilavella

23 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Torre de Escuredo leva ese apelativo desde que a comprou o industrial Eugenio Escuredo e compartía denominación coa estremeira Torre de Lores, que facía referencia á metade da propiedade de Francisco Lores. As dúas chamábanse Torre: a primeira, o edificio que se mantén e a segunda unha construción, un tanto kitsch, que arremedaba a traza dun pazo. A de Lores desapareceu e só queda en pé a de Escuredo. Este edificio quixo resgardarse como BIC ao amparo do Decreto de 22 de abril de 1949, ditado sendo ministro José Ibáñez Martín, sobre protección dos castelos españois (BOE de 5 de maio de 1949) que dicía, coa linguaxe da época, que tales construcións «calquera que sexa o seu estado de ruína deben ser obxecto da solicitude do novo Estado, tan celoso na defensa dos valores espirituais da nosa raza». E establecía que todas esas fortificacións quedaban baixo a protección do goberno, decretando que os Concellos onde existisen estes edificios serían responsables de calquera dano neles. Non se lle fixo moito caso. Ademais a declaración de BIC conforme a tal disposición non acaía coa Torre de Escuredo, así que a Dirección de Patrimonio Cultural acordou retirarlle esa cualificación, aínda que continúa catalogada nas normas urbanísticas vixentes, así como no futuro PXOM, polas súas notables características arquitectónicas, sociais e históricas. Ou sexa que, en todo caso, goza de protección integral, que, por certo, ninguén fai cumprir. O cualificativo Torre foi o que levou á Administración a que se incluíse esta edificación no ámbito daquel Decreto de salvagarda de castelos; e pronto xurdiu unha polémica en canto a tal denominación: estes que se lle chamaba Torre pola orixe catalá dalgún dos propietarios; estoutros que se nomeaba así por prurito de novo rico e, en fin, aqueloutros que manteñen a existencia dunha torre no lugar, aínda que discrepan lixeiramente na situación. E como se chamaba antes de que chegasen os cataláns Mestre e despois os Escuredo ou os Lores?: Pois ben, polo que se vai sabendo, sempre se lle chamou Torre. No Grove houbo tres torres de carácter civil, máis ben das coñecidas como torres de cobranza: unha no lugar da Torre, a da Casa da Fonte; outra co mesmo topónimo en Balea; e esta da que falamos, no Montiño, a carón da Vilavella. Outra cousa sería unha probable torre vixía que puido haber no Castriño, da que non hai estudos. Así que as torres de Balea, da Fonte e esta da Carrela non parecen ter ningunha relación, nin en aparencia nin en datación, coas da Lanzada, San Sadurniño ou Oeste. A función das grovenses, máis que defensiva, foi económica ou de prestixio. Esas tres do Grove eran das casas nobres, opulentas, lugares onde se cobraban foros e rendas, particularmente en especie —probablemente de aí a necesidade dunha torre, máis para almacenaxe que para outra cousa— e na situada no Montiño, tamén chamada da Carrela, exercíase a representación recadadora da Mitra Compostelá. José Caamaño Bournacell, insigne xenealoxista, no libro El Grove, su historia fai referencia tanto á Torre de Valea (sic) como á Casa da Torre, denominación digamos nobiliaria, situada na herdade da que falamos. A Casa da Torre, no sentido de vínculo, pertenceu ao final aos Fernández Mariño de Soutomaior, dunha estirpe na que se mesturaron apelidos das distintas casas nobres e acomodadas da comarca, como as de Santomé, Fefiñáns, András, Currás con apelidos como Leiro, Romero, Daval, Pardiñas, Buceta de Losada, Figueroa, Prego de Montaos, ata o conde de Melgar. E, en efecto, os derradeiros titulares da nobre e antiga Casa da Torre foron os irmáns Fernández Mariño de Soutomaior que a venderon na segunda metade do XIX, a Luís Mestre Roig. Estas digresións non fan máis que manifestar a necesidade de conservar a Torre de Escuredo, como testemuño da historia do Grove. Xa, por favor.