Cuarto posto de Torrado e quinto de Fontán nun Mundial con dous metais arousáns

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Manuel Fontán, padexando a final mundialista do C1 500 Sub 23 en Auronzo (Italia)
Manuel Fontán, padexando a final mundialista do C1 500 Sub 23 en Auronzo (Italia) Juan Ros / RFEP

A cita de Auronzo reforzou o traballo feito esta temporada polos catro padexeiros da comarca na selección española

12 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 de piragüismo esprint deixou un gran sabor de boca entre os clubs arousán. Os padexeiros galaicos asinaron ou coprotagonizaron once das trece medallas da selección española nas augas italianas de Auronzo. Delas, dúas con intervención directa de dous canoístas ligados ao Salnés.

A primeira foi a que conseguía na mañá do sábado o madrileño do Breogán do Grove Diego Domínguez a dúo co mallorquín Joan Antoni Moreno na final do C2 500 Sub 23. Un triunfo impoñente en 1.41,45, sacándolle un segundo (0,98 centésimas) aos polacos Kacper Sieradzan e Adrian Klos, subcampións. Unha hora despois, a grovense Valeria Oliveira, padexeira do Escola Piragüismo Poio-Conservas Pescamar, colgábase a prata na final directa do C4 500 Sub 23 en equipo coas pontevedresas Claudia Couto e Antía Otero e mais coa mallorquina María del Angels Moreno. O seu tempo, 1.49,27, a 0,61 segundos das chinesas Yuanyuan Zhang, Huanhuan Hu, Hong Zhang e Zinghong Li, campioas en 1.48,65.

Valeria Oliveira quedou ademais ás portas do podio do C1 5.000 Mixto Sub 23, cuarta xunto co madrileño Daniel Grijalba en 25.40,98, a 37,82 segundos dos campións polacos Klos e Braun e a 15 do bronce conquistado polos ucraínos Yatsiuk e Romanchuk.

Os outros dous padexeiros arousáns en Auronzo, o vilagarcián das Torres-Romaría Vikinga Pedro Torrado e o vilanovés do Náutico O Muíño Manuel Fontán, pelexaron por medalla, pero sen éxito. Noveno e último no C1 1.000 Júnior, Torrado rematou cuarto na regata polo título do C1 500. Cun tempo de 1.52,99, quedou a 1,72 segundos do italiano Marco Tontodonati e a 83 centésimas do moldavo Mihail Culceac, bronce en 1.52,16. Inda un posto por debaixo, quinto, Manuel Fontán estivo máis preto de subirse ao podio do C1 500 Sub 23. Co brasileiro Filipe Vieira campión sen rival en 1.47,12 e o checo Jiri Minarik subcampión a 0,90 (1.48,03); o bronce foi unha pelexa entre o italiano Gabriele Casadei (1.48,41), o húngaro Kristof Kollar (1.48,71) e Fontán (1.48,83).