Da importancia dos Concellos para os dereitos sociais

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Estáselle a dar prioridade á identidade dos candidatos sobre os programas de cada partido, dos que aínda se vai sabendo ben pouco

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa están lanzadas as eleccións locais e sucédense presentacións de listas de candidatos en todos os municipios. Como acotío, o mundo anda do revés e polo de agora estáselle a dar prioridade á identidade dos candidatos sobre os programas de cada partido, dos que aínda se vai sabendo ben pouco. É dicir, nesta altura decatámonos de quen pero descoñecemos para que. Este proceder, xeral, ten tanto de culto á personalidade como de rexouba, como se o obxectivo dos futuros concelleiros fose alcanzar un posto ou figurar, de xeito que se pedirá o voto máis para persoas que para propostas. É un fenómeno común e perigoso que reflicte unha tendencia preocupante. Sen embargo, tendo en conta as potestades e as facultades da política local, ese para que é de suma importancia. 

Hoxe en día a Administración municipal, a máis achegada á xente, ten competencias que afectan, quizá máis que as de outras Administracións, ao día a día, á vida real. Un exemplo son o abano dos denominados dereitos sociais. E isto é importante porque eses dereitos teñen unha vinculación relevante coa esencia da democracia, un sistema que non tería sentido se non garantise as demandas básicas da xente. Satisfacer esas demandas básicas é a razón de ser da existencia dos Concellos. Citemos casos concretos destes dereitos nos que a incidencia das Administracións locais é determinante.

A competencia básica dos municipios é o deseño urbanístico que, entre outras, permitirá a dotación de equipamentos sociais, que fan falta para todo. Por exemplo, o dereito á saúde (art. 43.1 Constitución Española) non se pode alcanzar sen a dotación de infraestruturas axeitadas. Son os Concellos os que achegan lugares para satisfacer esa necesidade e non é de menor importancia que as instalacións, tanto desde o punto de vista dos profesionais como desde os usuarios sexan axeitadas. Hai lugares a onde os médicos non queren ir polas carencias materiais, que afectan ao seu desempeño profesional.

O dereito ao traballo (art. 35 CE) está condicionado fortemente pola asignación de solo e recursos para as empresas, que nos municipios dependen, directamente, do deseño dos respectivos PXOM. O dereito á protección social (art. 49 CE ) —maiores, xuventude, discapaces, dependentes— ten o seu núcleo na actividade dos Concellos. O dereito a unha vivenda digna (art. 47 CE) subordínase ás determinacións que conteñan as normas de planificación e, particularmente, no tocante ás reservas de chan apto para tal destino. O dereito a un medio ambiente adecuado (art. 45 CE) enlaza directamente co artellamento de diversas competencias municipais. O dereito á educación (art. 27 CE), incluíndo aos rapaces pequenos e as posibilidades de conciliación laboral, están en relación directa cos recursos dos que dispoña o Concello. O dereito á cultura (art. 44 CE) tamén reside no fomento e actividades municipais; e teñamos en conta que sen educación e cultura nunca haberá cidadáns con sentido crítico do que ocorre na colectividade nin nas institucións. Os dereitos á cultura física e á práctica de deporte (art. 43.3 CE) non se poden entender sen a actividade municipal. Así que os Concellos son parte da esencia da democracia e garantes dos dereitos sociais.

É, pois, fundamental máis que coñecer ás persoas, saber cal será o programa político —no que hai que crer— que presenten que harmonice e asegure a pervivencia deses dereitos sociais, que son as necesidades máis sentidas e básicas da sociedade e imprescindibles para construír un proxecto vital. Presentarse honestamente para concelleiro é un acto valente de solidariedade, si, e resultar elixido un extraordinario compromiso; tan grande que axuda a entender os porqués da democracia. Que responsabilidade elixir e resultar electo!.