Do dereito á verdade desde a caverna

AROUSA

MONICA IRAGO

«O dereito á verdade implica ter un coñecemento pleno e completo dos actos que se produciron, as persoas que participaron neles e as circunstancias específicas, en particular das violacións perpetradas e da súa motivación»

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana que entra van producirse dous feitos. O primeiro, o esperpento de que o vello comunista Ramón Tamames apareza como candidato de VOX no Congreso —que desprezo ao que debería ser o templo da política!—. Os xornais adiantaron o que disque será o seu discurso, que dedicará un dos primeiros parágrafos a tres cuestións alleas entre si, tratadas con populismo superficial e, parece mentira, analizadas como se nesta España, que non se remata de saber o que é, os que nos tocou vivir aquí fósemos toupeiras conformes en seguir metidas na guarida do franquismo. Nunha soa páxina ese discurso mestura, pura demagoxia, «convivencia nacional, lingua española e Memoria Democrática». Escasas liñas para cada tema cun enfoque que, supoño eu, será para chiscarlle un ollo a Vox e que expón con contradicións. Di que Pedro Sánchez quere dividir aos españois coa Memoria Democrática idealizando unha Segunda República. Expón, que incoherencia!, que, como dixo Hugh Thomas, unha guerra civil tarda polo menos un século en superarse e acabar coa idea de vencedores e vencidos. Tamén afirma que o coñecemento da Historia —ou sexa, digo eu: o dereito á verdade— ten que ser o que debe servir contra o odio entre irmáns e que a actual concepción da Memoria Democrática é como ferir de novo o que xa ía cicatrizando —frase moi do gusto de sectores cavernícolas, entobados—. Non sei se esta filtración periodística será o discurso definitivo do emérito economista. O segundo feito é que durante —e xa é casualidade— a tramitación desa chusquísima moción de censura, unha burla sen contido real, a ONU, que non está na caverna nin no tobo, o día 24 conmemora o Día Internacional do Dereito á Verdade en relación coas Violacións Graves dos Dereitos Humanos e da Dignidade das Vítimas e vén dicindo cuestións de sentido común, de boa xente que quere vivir en paz xa, como que «as vítimas e os parentes das vítimas de execucións sumarias, desaparicións forzadas, desaparicións, secuestro de menores ou torturas esixen saber que sucedeu. O dereito á verdade implica ter un coñecemento pleno e completo dos actos que se produciron, as persoas que participaron neles e as circunstancias específicas, en particular das violacións perpetradas e da súa motivación». Coñecemento, implicados, circunstancias, motivos: Historia. E afirma que ese dereito a coñecer a verdade é un dereito humano autónomo e inalienable, vinculado á obriga e ao deber do Estado de protexelo e garantilo, realizar investigacións eficaces e velar para que se teñan recursos efectivos e se alcance a reparación. Espalladas polo territorio español segue a haber foxas comúns, gabias ateigadas de osamentas, testemuñas da represión continuada do aparato militar, policial, xudicial e económico do Estado español durante décadas. É así, sen panos quentes. Ademais aínda queda por falar da colaboración financeira das grandes empresas que se beneficiaron daquela situación política a custa da cidadanía reprimida. Os informes da ONU reiteraron a condena ao Estado español por non facer o posible —a nova Lei de Memoria Democrática é un avance— para garantir o dereito humano á verdade. Hai que lembrar que os dereitos humanos non son de esquerdas nin de dereitas?. Ademais, a Xefatura do Estado —a actual— engarza sen ruptura coa causante desas represión, desaparicións e mortes. É o mesmo Estado. Fai falta que o Rei, representante actual del, pida perdón publicamente a todas as súas vítimas. Seguirmos sen facelo significa violar ese Dereito Humano Universal á Verdade, continuar coma toupeira no tobo mantendo a ofensa. Parece incrible que nunha tribuna como a do Congreso, que non debería ser unha guarida, se pretenda desprezar un Dereito Humano e que España siga como un dos Estados do esquecemento, da ignorancia, do desacordo, da vinganza eterna contra as súas propias vítimas.