Vilagarcía acolle a presentación da biografía «Plácido Castro, nós mesmos no mundo»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Descobremento da placa de homenaxe a Plácido Castro no colexio Anexo A Lomba, de Vilagarcía, o antigo Instituto Laboral no que o intelectual galeguista impartiu clase
Descobremento da placa de homenaxe a Plácido Castro no colexio Anexo A Lomba, de Vilagarcía, o antigo Instituto Laboral no que o intelectual galeguista impartiu clase D. S.

A obra é o resultado dun profundo labor de pescuda realizado polo escritor Xulio Ríos e Susi Castro, unha das fillas do intelectual

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Plácido Castro e o Concello de Vilagarcía colaboran na presentación da biografía máis completa realizada ata o momento sobre unha das figuras máis apaixonantes e descoñecidas do galeguismo histórico. Plácido Castro, nós mesmos no mundo é froito do profundo labor de pescuda realizado polo escritor Xulio Ríos e Susi Castro, unha das fillas do intelectual nado en Corcubión en 1902 e finado en Cambados en 1967. Ambos participarán nun acto que se ha desenvolver este venres á tarde, a partir das sete, na sala de conferencias do auditorio municipal.

Castro non pertenceu propiamente á xeración Nós. Tampouco ao Seminario de Estudos Galegos. Mais si ás Irmandades da Fala e, sobre todo, ao Partido Galeguista, ao que brindou unha proxección internacional que ningún outro intelectual das primeiras décadas do século XX podía igualar. Membro dunha familia da Costa da Morte cun alto poder adquisitivo, vinculada ao mundo da navegación e o transporte de mercadorías, Plácido Castro formouse no Reino Unido. Foi, o seu, un enfoque absolutamente moderno sobre o nacionalismo, que sempre pretendeu facer Galicia universal dende a súa propia identidade, en diálogo co resto dos pobos da península Ibérica, Europa e o planeta no seu conxunto. Pacifista, liberal no mellor senso do termo, foi vítima dunha dura represión a raíz da Guerra Civil. Afincado en Cambados, consagrou os seus últimos anos ao ensino dende o Instituto Laboral de Vilagarcía.