Dun día emocionante

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Parabéns ao Concello do Grove por contratar a unha empresa para arranxar o defectuoso inventario de patrimonio cultural que figuraba no proxecto do PXOM

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello do Grove, acertadamente, —parabéns— para arranxar o defectuoso inventario de patrimonio cultural que figuraba no proxecto do PXOM, que aquí tanto criticamos, contratou unha empresa de expertos nese eido. Non sei cal será o resultado final do encargo, pero o equipo de arqueólogas doume días pasados unha alegría, ata emocionarme. Como é sabido todos os concellos da comarca conservan restos megalíticos, particularmente mámoas e cistas. Sanxenxo, as de Chan da Gorita, de Lores ou do Faro; Meaño, as de Penaguda, Lores ou Couto; Cambados, as de Treviscoso; Meis, o Outeiro do Cribo, Chan da Cruz ou Casiña da Moura; Valga as de Menlle, Pedra do Viño ou Trema; Vilanova de Arousa, as de Monte Lobeira e Treviscoso; A Illa, as sete estruturas do Xidoiro Areoso ou as cistas de Riasón; Vilagarcía, as de Pedras Roibas, Monte Xiabre e Pousadoiro. Por certo, con estas últimas comprobouse a necesidade de catalogalas porque alí por non estalo, e malia a denuncia de Xulio Carballo, permitiuse a destrución de dúas antas para construír un polígono industrial.

No Grove non hai rexistrado ningún tipo de restos megalíticos, nin petróglifos. Nin un. E non pode ser porque no Neolítico, digamos entre 6.000 e 4.000 a. C —que foi a época na que se empezou a humanizar a paisaxe porque o home iniciou a agricultura e a gandería e pasou a ser sedentario—, o espazo que hoxe denominamos O Grove estaba habitado, unido ao continente e coa liña de costa moito máis lonxe; entre a Illa e O Grove só fluía o estuario do Umia, seguramente máis de cinco metros menos de profundidade que na actualidade. Así que aquí tamén ten que haber mámoas.

Son, como se sabe, cámaras funerarias, habitualmente de forma circular, cunha estrutura de pedra, propiamente o dolmen ou anta, abondosas no occidente atlántico. As que quedan por descubrir aparecen recubertas de terra e vexetación e no cumio acostuman ter un cono de violación porque, tantas veces, a tapa superior retirouse para outros usos ou para saqueos. No século XVII incluso se outorgou unha Real Cédula que permitía escavalas na busca de supostos tesouros.

Eu, lego nesta materia, por pensar que no Neolítico O Grove non era illa e estaba unido coa contorna onde si se descubriron, estaba convencido de que, por pura lóxica, existían mámoas e tiña percorrido moi diversos espazos a ver se topaba algunha. Pensaba en topónimos como Modias, Civide, pero non encontrei ningunha; foi, agora seino, por non saber mirar. Fixeron falta ollos expertos que soubesen ver. E descubríronas, e varias, e ata pode haber un olleiro, ou campo de mámoas. Polo de pronto, leváronme ata as dúas ou tres primeiras achadas. Emocionante. Extraordinariamente emotivo situarme nas tumbas desta península onde foron sepultadas as persoas que hai miles de anos habitaron, viviron, amaron. Xente, os nosos devanceiros, que parecían darlle tanta importancia á morte como á vida, porque sabemos onde se soterraron pero pouco coñecemos de onde vivían, aínda que quedan covas e abrigos por estudar.

As antas que si existen no Grove

Un deles en Adro Vello. Xa sei que en Galicia existen miles de antas, pero faltaban por descubrir as deste curruncho onde vivo. E ten que haber máis que estas, e deberían aparecer petróglifos, pedras fitas ou menhires. Ten que ser. Agora, de novo, empeza o traballo das nosas autoridades con competencias en patrimonio: Concello e consellería. E o labor de toda a sociedade será imprescindible coñecendo e esixindo estudar, respectar e conservar este patrimonio. Para iso son necesarios medios económicos polos que hai que loitar para que nada volva a atuírse no esquecemento. As descubridoras destas mámoas, Yolanda Seoane e Elena Lima, con toda a razón, non me permiten dicir onde están porque realmente aman o patrimonio arqueolóxico e buscan que se cataloguen e protexan adecuadamente, aparte de que deben informar con prioridade a diversas instancias. Eu adiántome un pouquiño —perdón— para alertar e resaltar a importancia e necesidade de sensibilidade por parte das Administracións local e autonómica para liderar a protección e escavación destes achados. Seguro que desta volta actuarán con rapidez, previsión e entusiasmo. Non é para menos. E cerro insistindo: foi un día emocionante.